
O Lirio de Ribeira volveu conquistar ao público nunha nova cita da campaña estival impulsada pola OPP83 Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía (Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia), que repartiu máis de 700 racións gratuítas durante as Festas de Verán de Ribeira. A degustación, celebrada a partir das 13.00h en Bandourrío, esgotou todas as elaboracións en pouco máis dunha hora, confirmando a excelente acollida desta especie entre veciñanza e visitantes.

A acción gastronómica coincidiu coa tradicional sardiñada popular, converténdose nun dos atractivos da xornada. Da man do catering Chicolino, o público puido degustar dúas receitas: salpicón de Lirio de Ribeira e tosta de Lirio de Ribeira con pan galego e guacamole. Ademais das racións, a entidade agasallou ao público con neveiras de praia e folletos informativos en formato pai pai nos que figuraba unha das receitas protagonista.

O evento contou coa participación, entre outros, do primeiro tenente alcalde do Concello de Ribeira, Vicente Mariño, do concelleiro do Mar de Ribeira, Fernando Abraldes, e da xerente da OPP83, María José Casais. Casais destacou a actividade que está levando a cabo a OPP83 dentro do Barbanza: “Promocionar o Lirio de Ribeira na nosa propia contorna é unha prioridade. Queremos que os veciños e veciñas de Ribeira sexan os primeiros en identificar e valorar unha marca que nace aquí e que representa o traballo da nosa frota. Eles son os mellores embaixadores do produto e quen mellor pode transmitir a súa calidade, frescura e orixe”.

Esta iniciativa forma parte da campaña de promoción da OPP83 para dar a coñecer o Lirio de Ribeira, achegando ao consumidor final este produto de proximidade a través de eventos gastronómicos e das principais celebracións do municipio. A acción enmárcase no Plan de Produción e Comercialización (PPeC) da OPP83, coa financiación da Xunta de Galicia e o FEMPA.

O Lirio de Ribeira é unha das especies máis representativas da frota da OPP83 e un dos produtos máis emblemáticas da lonxa de Ribeira. A súa marca garante a orixe, rastrexabilidade e máxima frescura dun peixe capturado pola frota asociada mediante artes de pesca selectivas e desembarcado diariamente na lonxa, mantendo intacta a súa calidade ata chegar ao consumidor.





