
Hai aproximadamente 15 meses, o Concello de Noia adxudicaba unha primeira actuación de saneamento neste núcleo, que permitiu canalizar arredor do 25 % das vivendas. Agora, a Brigada Municipal está a completar a infraestrutura coa instalación de arredor de 150 metros de nova tubaxe na marxe inferior da aldea, conectando as vivendas que quedaran fóra daquela intervención.
Unha vez rematados os traballos, o 100 % das vivendas de Augalevada contará con cobertura de saneamento, dando resposta a unha demanda da veciñanza e completando un servizo básico para o núcleo.
O alcalde de Noia, Fran Pérez, destacou que esta actuación permitirá “dar unha solución a un problema importante para os veciños e veciñas de Augalevada”.
“Hai 15 meses fíxose unha primeira actuación que era necesaria, pero quedou unha parte importante da aldea sen cobertura. Desde o Goberno municipal entendemos que había que completar a infraestrutura e conseguir que o saneamento chegase a todas as vivendas”, explicou, engadindo que “estamos ante unha obra que probablemente non sexa das máis visibles, pero si das máis importantes para a calidade de vida das persoas que viven aquí. Falamos de garantir un servizo básico e de facelo chegar a toda a aldea”.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Manolo Seijas, puxo en valor o papel da Brigada Municipal para poder acometer directamente este tipo de intervencións.
“A actuación contempla aproximadamente 150 metros de nova tubaxe na marxe inferior da aldea, unha obra que nos permite actuar sobre unha necesidade moi concreta e completar a rede existente”, explicou, salientando que “contar cunha Brigada Municipal permítenos responder con maior axilidade a necesidades da veciñanza e executar directamente actuacións que melloran os servizos públicos”.
Desde o Concello de Noia sinalaron que esta intervención forma parte do traballo para mellorar progresivamente as redes de saneamento e abastecemento en todo o municipio, garantindo que estas actuacións e a mellora dos servizos básicos cheguen tamén ás aldeas e aos distintos núcleos de Noia.




