
Cando comezou a guerra de Ucraína, España recibiu en acollida a máis de 200.000 ucraínos de tódalas idades, maioritariamente nenos e mulleres, nunha acción recoñecida coma exemplar dentro e fóra do Estado español.
Desde o 30 de xullo pasado, dos máis de 70.000 migrantes irregulares marroquís e subsaharianos chegados á cidade autónoma de Ceuta quedan alí uns 5.000 que, a veces, son tratados coma cans por parte dos habitantes dunha cidade española senlleira e histórica que, polas veleidades políticas que a todos nos afectan dun ou doutro xeito, non só non os quere vagamundando polas rúas, praias e montes, senón que se manifestan en contra das organizacións humanitarias que tentan axudarlles no marco das súas sempre escasas dispoñibilidades.
En Ceuta houbo berros contra esas axudas e os que as prestaban esta mesma semana. Por que?. Xoga un papel distinto a cor da pel, a relixión que profesan? Hai racismo nas decisións ou é a política a que impón normas máis aló das propias conviccións? É a eficacia do non aos migrantes?
Todos sabemos que existen persoas que corren cara ó perigo cando tódolos demais tentan fuxir ou agocharse. Son as que chegan con alimentos cando xa non queda nada que comer, as que abren unha escola improvisada entre os cascallos, as que atopan un neno perdido, as que acompañan a unha nai que tivo que fuxir de casa co posto.
Son estas persoas que nunca aparecen nos titulares de prensa nen nas reportaxes de televisión, pero si nas listaxes de vítimas. E todo porque hoxe en día axudar converteuse nunha actividade cada vez máis perigosa.
Pero España reforzará de xeito permanente as fronteiras de Ceuta e Melilla con medidas “extraordinarias” coma o alongamento dos espigóns -un sistema de contención marítima madiante boias fondeadas- e outro de vixilancia aérea con drons, embarcacións lixeiras e dispositivos remotos de actuación subacuática.
É canto en realidade se pode facer?. É Marrocos verdadeiramente responsable desa que algúns cualifican de invasión dun territorio que xa existía como parte de España cando aínda o actual Marrocos era un sultanato?. A Unión Europea é consciente de que Ceuta e Melilla son as súas fronteiras ao sur en ÁfrIca?.
A crise de Ceuta obriga a cavilar.



