
Este venres comezaron ao grande as Festas de San Bartolomeu 2026, en Noia.
Noemí Fábregas foi a encargada de abrir as celebracións cun pregón moi persoal e moi aplaudido, no que falou da historia da vila e dos habitantes, e da súa capacidade para xuntar forzas ante as diversas adversidades da historia. Lembrar que Noemí é unha activista local fortemente comprometida coa loita contra o cancro de mama metastásico. Colabora co movemento Dáme 5 Más, un proxecto solidario de pacientes de cancro de mama dirixido na súa totalidade a recadar fondos para a investigación da doenza.
Despois do pregón chegou a actuación do Club de Pensionistas de Noia, con música e baile para continuar unha mañá de festa e de encontro. A axenda arrincou coas dianas e alboradas de Os Jaitas Blue (Noia). Nesta mesma xornada houbo exhibicións deportivas (co Ximnasio Maniotas, co Día da Bicicleta e o IX Torneo Portus Apostoli a partir das 18.15 horas) e pola noite actuaron Claxxon, Treixadura (na Alameda) e o grupo local A Misela no Tapal.
O programa de actividades, que se estenden ata o vindeiro mércores 26, pódese consultar completo no Facebook municipal.

Será practicamente unha semana de música, cultura, deporte, tradición, actividades infantís e moita vida nas rúas.
O sábado 22 inclúe concursos de pesca, novas exhibicións deportivas (como a final do IX Torneo Portus Apostoli a partir das 18.15 horas), concursos de pesca (con Naútica Andrade a partir das 11.30), sesións vermú (con As Lens a partir das 14h) e actividades infantís (ás 17.30 na praza do Curro). Pola noite haberá concertos na Alameda (Origen, Efecto Mariposa e DJ Hot Cues) e no Tapal (Monboi e La Trinidad).
O domingo 23 inclúe unha Festa da Empanada no Campo da Feira, unha sesión vermú con Juan do Tractor e música para a rapazada con Uxía Lambona na rúa do Curro ás 18.15. Pola noite música na Alameda coa Orquesta Mondragón e Conductores Suicidas (tributo a Sabina) e no Tapal con Leite con Jalletas (ás 22.30 horas).
O luns 24 haberá unha festa infantil na Alameda de Noia pola mañá (ás 11.30) e pola tarde (ás 17h) e polo serán (ás 20h) unha misa solemne na honra de San Bartolomeu con procesión (dende a Igrexa de San Martiño). Pola noite concertos na Alameda (ás 22h) coa Orquestra París de Noia e Disco Móbil CDC. No Tapal haberá unha noite de humor con Dani Barreiro & Friends, ás 22.30.
O martes 25 haberá novamente unha festa infantil na Alameda de Noia, pola mañá e pola tarde. Ás 20.00 horas celebrarase no Coliseo Noela un festival de danza en beneficio da Cruz Vermella coa Escola de Danza Oitos (Expedición Querina). Pola noite haberá concertos no Tapal con Dyrkyz (Noia), Xian Pais, DJ Borja Solla e LG1DO. Na Alameda actuará a Orquestra Marbella, ás 22h.
O mércores 26 rematarán as festas cunha nova festa infantil ás 11 na Alameda e cunha misa na honra de San Roque (con procesión) en San Martiño ás 20.00 horas. Logo a medianoite será a quenda dos fogos artificiais. Previamente haberá música na Alameda (coa Orquestra Kubo ás 22h) e no Tapal (con Troula na Barquiña e con comedia a cargo de David Amor, ás 22h e ás 0.30, respectivamente).




