“Cazar grallas para vencer ao demo”. Xosé Antonio López Silva

04 Agosto 2026

En xaneiro morreu en Barcelona, aos 93 anos, José Martínez de Sousa, a máis alta autoridade na ortografía, a tipografía e a corrección editorial en castelán. Era do Rosal, abeirado ao Miño. Orfo de cativo, formouse como tipógrafo entre chumbos e caixas de tipos dende a base máis artesanal. Todo o demais aprendeuno por si só, a forza de vocación e horas de flexo e teimosía. Toda a súa vida foi, en realidade, unha cruzada paciente contra un inimigo invisible e tenaz.

Os que vivimos entre letras sabemos ben que as grallas nos textos non son cousa do azar. Cáusaas un vello coñecido que ten nome propio no imaxinario europeo: Titivillus. É un diaño burlón e miudeiro, unha caste de funcionario menor do Inferno encargado de rexistrar canto se escribe ou se pronuncia con erros. Os monxes medievais imaxinárono coa súa saca ao lombo, recollendo as sílabas que os escribas e curas trabucaban para pesalas o día do Xuízo contra a alma descoidada á que se lle escaparan. Contan que, nas grandes festas de gardar, cando os descoidos dos frades eran tantos que xa non lle collían no saco, estiraba a tea cos dentes para gañar sitio; e tanto tiraba que lle rachaba e o pobre demo ía dar coa testa nas paredes da abadía.

A min faime graza lembrarme de que o seu nome deriva do titivillitium, a palabra coa que o comediógrafo Plauto nomeaba unha insignificancia, unha parvada sen valor. De minucias vive precisamente este pequeno demo: o diaño sempre está nos detallles. Álvaro Cunqueiro, que tan ben coñecía a nómina do gremio infernal, seguro que lle tería reservado un sitio privilexiado no seu catálogo, un vaso de Ribeiro na cociña e un escano acomodado á beira da cheminea, porque a este interlocutor máis vale non telo de inimigo: abonda con sabelo veciño inevitable de cando en vez.

Anatole France contou como, coa invención da imprenta, Titivillus ascendeu de categoría e pasou a ser o tormento de tipógrafos, caixistas e editores de prensa. Coas novas tecnoloxías, o demo volveuse máis veloz e sutil. Contra el non hai exorcismo que abonde: só vale a vontade humana de corrixir unha e outra vez, sabendo con certidume que mañá volverá agochado na gralla dun texto impreso.

A Real Academia Española nunca quixo nas súas filas a Martínez de Sousa —faltábanlle, dixeron con certo desdén, os títulos académicos regulamentarios—, pero son hoxe os seus manuais os que consultan aqueles que si teñen cadeira nela. A 150 quilómetros de onde naceu Sousa, río arriba no Saviñao, Titivillus habita esculpido na mocheta da igrexa de San Estevo de Ribas de Miño: leva alí oito séculos vixiando aos fieis e anotando cobizoso os seus erros. O demo da errata xa estaba gravado en pedra galega moito antes de que existisen as academias.

E velaí a ironía profunda do asunto: o home que lle deu ao castelán a súa ortografía máis coidada foi fillo do galego, a mesma lingua de nós que hoxe protexen e sosteñen, con bastantes menos medios, moitos correctores, editores e mestres que pelexan a diario contra o mesmo Titivillus. O oficio que nos aprendeu Sousa é xustamente ese: o traballo invisible e artesanal de desfacer as grallas, devolvéndolle a cada palabra o seu lugar exacto.

Se vostede, lector, non atopou ningunha errata nestas liñas, saiba que hoxe gañamos a batalla contra o inferno. Se a atopou, disimule: Titivillus, unha vez máis, andou máis rápido ca nós.

Outros artigos

“Recreación histórica” – Xulio Xiz

As festas de recreación histórica están de  moda. Algunhas, coma o Arde Lucus, permiten a unha cidade reivindicar con entusiasmo feitos do pasado, conseguindo difícil unanimidade arredor dunha historia, lenda ou idealización. O mesmo acontece con labores extintas,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“De la furia al talento” – José Castro López

“De la furia al talento” – José Castro López

El próximo fin de semana vuelve la Liga y es un buen momento para recordar el triunfo de La Roja en el Mundial y desear que el fútbol español conserve los valores que hicieron posible aquella gesta. En los Juegos Olímpicos de Amberes de 1920, España se enfrentaba a...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.