Ribeira volverá camiñar pola memoria o vindeiro venres 28 de agosto coa celebración da X Andaina Solidaria “Os Camiños da Memoria”, unha iniciativa organizada por AGADEA Alzhéimer, o Club Sachacamiños e o Concello de Ribeira, que busca mobilizar á cidadanía e dar visibilidade ás persoas con alzhéimer e outras demencias, ás súas familias e ás persoas coidadoras.

AGADEA anima á veciñanza de Ribeira e de toda a comarca a sumarse a unha cita que alcanza este ano a súa décima edición, consolidándose como un punto de encontro arredor da solidariedade, a convivencia e a sensibilización social sobre as demencias.
A andaina, de dificultade baixa, partirá ás 20:00 horas do Parque García Bayón.
A recollida do material das persoas participantes poderá realizarse desde as 18:30 horas no propio punto de saída. Nesta edición, cada participante recibirá unha camiseta e unha mochila. A xornada contará tamén con música, photocall e fotomatón, co obxectivo de converter a iniciativa nunha celebración aberta á participación de persoas de todas as idades.
Inscricións abertas
A inscrición xeral ten un prezo de 7 euros e inclúe camiseta e mochila para as persoas participantes.
A organización habilitou tamén un dorsal 0 solidario de 2 euros, destinado a todas aquelas persoas que, aínda que non participen na andaina, queiran colaborar coa iniciativa e apoiar o labor de AGADEA.
A participación é gratuíta para os menores de 12 anos.
As persoas interesadas aínda poden formalizar a súa inscrición a través da plataforma en liña habilitada para a andaina.
Ademais da inscrición online, as persoas interesadas poden chamar ao Centro de Día de AGADEA en Ribeira, no teléfono 672 70 50 53, tanto para solicitar información como para anotarse na andaina. Tamén poden achegarse directamente ao Centro de Día de AGADEA en Ribeira para realizar a inscrición presencialmente, en horario de 09:00 a 19:00 horas ou na mesa informativa situada na avenida do Malecón de Ribeira, fronte á farmacia, en horario de 11:30 a 13:00 horas polas mañás e de 17:00 a 18:15 horas os luns, mércores e venres.
A X Andaina Solidaria de Ribeira será ademais unha das citas coas que AGADEA inicia o camiño cara ao Mes Mundial do Alzhéimer, que terá o seu día central o próximo 21 de setembro.
A celebración é posíbel tamén grazas á implicación do tecido empresarial, comercial e asociativo de Ribeira, que, segundo destaca AGADEA, “un ano máis se suma á iniciativa e contribúe a facer da andaina unha cita colectiva pola memoria”.
Organizan: AGADEA Alzhéimer, o Club Sachacamiños e o Concello de Ribeira.




