Viladomar suma a Rianxo tres novos murais

16 Xullo 2026

O festival Viladomar –Máis alá dos muros– pechou a súa edición de 2026 coa incorporación de tres novos murais ao museo ao aire libre que se constrúe en Rianxo desde 2018. As intervencións de Lula Goce, Alejandro Mosquera e Agustina Shuan parten de historias e símbolos estreitamente vinculados á vila.

Segundo informaron dende a organización do certame (Ondiñas Mainas en colaboración co Concello), as tres obras propoñen diferentes formas de achegarse á memoria e á identidade de Rianxo desde a creación contemporánea. Así, indicaron, “a mirada feminina e mariñeira de Lula Goce, a reinterpretación xeométrica da tradición oral de Alejandro Mosquera e a conexión entre Galicia e Arxentina plantexada por Agustina Shuan amplían un percorrido artístico que xa forma parte da paisaxe urbana e rural do concello”.

Lula Goce, unha das muralistas galegas con maior proxección internacional, presenta en Nabia a figura dunha rianxeira, muller do mar e símbolo de afouteza. A obra rende homenaxe ás xeracións de mulleres que sostiveron as súas familias e participaron activamente na vida marítima.

O título remite a Nabia, deusa da mitoloxía galaico-lusitana asociada ás augas, á fertilidade e á protección das comunidades. Venerada polos antigos pobos do noroeste da Península Ibérica, a súa figura aparece vinculada aos ríos, ás fontes e a outros espazos naturais considerados sagrados, simbolizando a vida, a protección e a renovación.

Arredor da protagonista medran flores e vexetación autóctona que conectan a obra coa riqueza natural de Galicia e convidan a reflexionar sobre a nosa relación coa contorna. Entre elas aparecen criaturas híbridas e mitolóxicas que representan a soidade, os medos e o mundo interior, e lembran a importancia de vivir en equilibrio coa natureza e con nós mesmos.

A artista constrúe a imaxe desde o debuxo e o detalle inicial ata chegar a pinceladas máis abertas e libres. O resultado é unha intervención monumental na que a figura feminina, o mar e a natureza se integran nun universo poético e facilmente recoñecible.

Goce chegou a Viladomar poucos días despois de rematar en Baiona o mural máis grande realizado ata o momento pola artista. A súa traxectoria levouna a pintar en países como Xapón, Bélxica ou Estados Unidos. Durante o proceso de creación en Rianxo contou coa asistencia de Claire Nickols.

Pola súa banda, Alejandro Mosquera recupera en As Tres Mouras unha lenda vinculada á fervenza do Pozo Bastón. A obra representa tres mouras que intentan saír da auga e camiñan cara á luz, co cabelo longo e un xesto dramático que lle confire á escena unha atmosfera case relixiosa. Na parte inferior, un home lanza tres bolos de pan para liberalas. Porén, un deles está mordido, o que provoca que unha das mouras quede coxa, tal e como relata a lenda.

A paisaxe natural incorpora símbolos e elementos propios do lugar, reinterpretados desde unha linguaxe fresca e contemporánea. A xeometría domina tanto a estrutura xeral da obra como a construción das figuras e dos seus vestidos.

Con esta intervención, o artista traslada ao espazo público un relato da tradición oral de Rianxo e achégao ao presente a través dunha nova lectura visual.

Con Ondas, Agustina Shuan rende homenaxe á emigración e á estreita relación histórica entre Rianxo e Arxentina, un vínculo que tamén atravesa a propia historia da artista.

A protagonista da obra é a súa particular versión da Rianxeira, representada mirando cara ao outro lado do Atlántico, cara ao país no que naceu a célebre canción e no que Castelao viviu durante o seu exilio. A través de elementos cargados de simbolismo, o mural conecta as dúas beiras e fala da distancia, da memoria e dos vínculos que permanecen a pesar da emigración. A intervención ocupa un edificio de tres plantas e constitúe o primeiro mural de gran formato realizado pola artista, que contou coa colaboración de Diego Vites durante a súa execución.

Agustina Shuan leva así ao espazo público unha historia que une Rianxo coa súa propia biografía e constrúe unha imaxe contemporánea arredor dunha das figuras máis recoñecibles da cultura popular galega.

Un festival compartido coa veciñanza

A creación dos tres murais desenvolveuse ao longo da semana e permitiu seguir en directo o proceso de traballo dos artistas. O programa completouse cunha xornada de actividades arredor da arte, do patrimonio e do mar, pensada para públicos de diferentes idades.

Entre as propostas desta edición estivo a clase maxistral de mural con vexetais impartida por Camilo Seira, na que as persoas participantes crearon colectivamente a figura dunha Rianxeira con musgo, así como varios roteiros teatralizados por Rianxo.

A implicación da veciñanza estivo igualmente presente no mural impulsado xunto a As Púrpuras, cuxo proceso de creación se abriu á participación do público.

A edición rematou coa Festa na Praia de Tanxil, celebrada en colaboración co festival Rock in Rian, como peche dunha semana na que a pintura, a música e as actividades compartidas ocuparon diferentes espazos de Rianxo.

As novas obras súmanse ás 23 intervencións realizadas desde o nacemento de Viladomar en 2018. “En conxunto, conforman un percorrido aberto durante todo o ano que permite descubrir distintos lugares e historias de Rianxo a través do muralismo galego”, informou a organización do certame.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.