A Igrexa Parroquial de San Martiño de Noia ofrecerá Misas do Peregrino todos os domingos e festivos dos meses de xullo e de agosto. Unhas celebracións que se celebrarán ás 9:00 horas e que incluirán non só a tradicional bendición dos peregrinos, senón que contarán co acompañamento musical do restaurado órgano de San Martiño, un instrumento que conta con máis de 120 anos de historia e que constitúe un dos tesouros do Camiño da Ría de Muros Noia.

Así o confirma o tesoureiro da Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia e alcalde noiés, Francisco Pérez Caamaño, quen salienta que “despois das xestións realizadas, por fin podemos anunciar que temos misa do Peregrino os domingos e festivos ás 9:00 da mañá, o que fará aínda máis solemnes estes días e que contará cun acompañamento de luxo: o órgano da nosa igrexa parroquia que volverá soar para encher de música e ledicia a celebración. Outro xeito de reivindicar o noso Camiño”. Unha recuperación na que puxo en valor a colaboración do Concello de Noia, da Unidade Pastoral de Noia e da Asociación O Tapal de San Martiño de Noia, así como da Deputación da Coruña e moitos colaboradores desinteresados e reputados profesionais do obradoiro Grenzing Organeros.
Lembraron tamén que a pesar de que a máis coñecida é a que se celebra a diario en Compostela, outras localidades do Camiño de Santiago acollen tamén Misas do Peregrino. Un rito que non só ten unha forte compoñente relixiosa, senón tamén un fondo simbolismo para todas as persoas que se embarcan nunha peregrinación. Non en van, esta misa non é so unha oración pola protección e benestar dos peregrinos durante a súa viaxe, senón tamén unha forma de agradecer a experiencia vivida e as bendicións recibidas ao longo do Camiño.
No caso das Misas do Peregrino de Noia, a celebración daralles tamén a oportunidade de desfrutar do órgano da igrexa parroquia de San Martiño de Noia, un dos tesouros culturais do Camiño da Ría de Muros Noia, con 120 anos de historia e con 961 tubaxes organizadas en catorce rexistros e construídas nunha aleaxe de estaño e chumbo. Un instrumento construído en Zaragoza polos irmáns Inchaurbe e trasladado despois en tren ata Padrón, dende onde partiu en carros cara Noia, onde foi ensamblado en outubro de 1902. Conta con dous teclados manuais, con 56 pezas cada un, o primeiro para accionar os tubos da parte traseira e o segundo para darlle vida os da zona frontal. Outros trece pedais accionan os tubos máis grandes.
A mediados do século XX incorporou un motor para alimentar de forma automática o fol. Motor que foi substituído no 1991, momento no que se limparon os tubos e teclados e se modificou a cor da caixa. Os ataques de couza (carcoma) no ano 2000 romperon barios tubos e deixaron inutilizado o órgano, ata que no 2005 se iniciou a súa recuperación.




