O proxecto, que mellorará as instalacións situadas en dominio portuario, acordouse nunha reunión na que tamén se destacou o avance das obras de abrigo do porto, cun investimento autonómico de 2,4 millóns de euros.
A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, unirá forzas coa confraría de pescadores de Portosín e o Concello do Porto do Son co obxectivo de impulsar a mellora e modernización da oficina de turismo de Portosín. O acordo alcanzouse esta mañá no transcurso dunha reunión celebrada na sede do ente público, na que participaron a presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, o alcalde sonense, Luis Oujo, e a secretaria da confraría local, xunto a representantes do GALP Costa Sostible.
As tres partes coincidiron na relevancia estratéxica desta actuación, que será executada polo Concello no inmoble situado en pleno dominio público portuario. Para viabilizar os traballos, a confraría de pescadores cederá á administración local a xestión da citada oficina, emprazada actualmente nunha nave portuaria que ata o de agora xestionaba a propia entidade profesional.
Outros investimentos no porto sonense
Máis alá do proxecto turístico, o encontro serviu para que a presidenta de Portos de Galicia e o rexedor municipal repasasen outras demandas e asuntos clave para o sector marítimo e pesqueiro do municipio.
Neste sentido, destacouse a boa marcha das obras que a Xunta de Galicia está a ultimar en Portosín. Trátase dunha importante intervención destinada ao reforzo do abrigo e á ampliación das prazas de atracada para a frota profesional, unhas actuacións que contan cun orzamento autonómico de 2,4 millóns de euros e que suporán un salto de xigante na seguridade e operatividade do porto profesional.




