Pérez Barral acusa á Xunta e ao Concello de “asumir agora co novo polígono a fórmula proposta polo BNG”

07 Xullo 2026

O BNG de Ribeira emitiu un comunicado a propósito da información achegada este 7 de xullo pola Xunta, no que se fai saber que as obras para o novo polígono do concello licitaranse a finais de ano, ao que se suma o anuncio de que a empresa pública Xestur asumirá a modificación do proxecto da nova área industrial de Pedras Vermellas.

No comunicado os nacionalistas din que esta última información “confirma palabra por palabra o que defendemos sempre: que o desenvolvemento industrial de Ribeira é unha competencia supramunicipal e que tiña que ser a Xunta quen asumise o proxecto de forma directa porque o Concello de Ribeira en solitario non podía asumir ese custo tan elevado”, sinalou o voceiro do grupo en Ribeira e ex alcalde, Luís Pérez Barral.

Dende o BNG apuntaron tamén que “a estratexia de facer un polígono dende o Concello xa advertimos no seu día que era inasumíbel para as arcas do Concello pero aínda así toda a Corporación Municipal apoiou o proxecto para que unha vez feito fose a Xunta, que é a que ten competencias, asumise a súa realización”, sinala Pérez Barral.

Por iso, os nacionalistas consideraron “un exercicio de cinismo político que o PP intentase responsabilizar ao anterior goberno de coalición liderado polo BNG dos atrasos na infraestrutura”. E engadiron “En apenas dous anos de mandato, fomos capaces de culminar as expropiacións definitivas e aprobar o proxecto de urbanización, deixando resoltos trámites que os gobernos do PP foran incapaces de solucionar en décadas”.

Pérez Barral expresou a súa sorpresa porque “a Consellería de Economía e Industria adopte a través de Xestur a fórmula proposta polo anterior goberno local que foi rexeitada reiteradamente pola Xunta durante o seu mandato, o que demostra”, apuntou, que “existía unha alternativa viábel que non se quixo aplicar por puro sectarismo partidista”.

Segundo Pérez Barral, “esta estratexia de asfixia ao anterior goberno municipal non foi illada, senón que encaixa perfectamente no modus operandi do PP, como xa vimos coa paralización inxustificada da residencia de maiores ou os atrancos constantes de Portos para dificultar a celebración das festas de Ribeira”.

O voceiro nacionalista concluíu esixindo máxima celeridade: “Alegrámonos de que a Xunta claudique e aplique por fin a solución que o BNG sempre defendeu, pero non imos permitir máis manobras de distracción nin que se perda máis tempo. Estaremos vixiantes para que Xestur execute o polígono coa máxima rapidez e que, tras corenta anos de abandono do PP, Ribeira teña por fin o solo industrial que merece para xerar emprego e futuro”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.