“Os piñeirais eran coidados polos seus propietarios e non ardían” – Antón Luaces

27 Xullo 2026

Nos anos 60 e posteriores do século pasado, os montes de Galicia eran o Edén dos piñeirais e eucaliptais aos que, en boa medida, ecoloxistas e responsábeis da loita contra incendios forestais culpan desde vai anos -coido que con moita razón- de seren os causantes dos lumes rexistrados nos montes galegos.

Non quito a razón aos que así opinan. E sen ser -nen moito menos- especialista nesta materia, si recorro á memoria e á experiencia propia dun neto de labregos que tiveron montes e gando que alindaba libremente neses montes que servían asimesmo como subministradores de leña para os fornos e lareiras nos que se cocía o pan e se facían as comidas de cada día un mínimo de tres veces, e dúas veces tamén diariamente as encaldadas do gando da casa: vacas e porcos, o que da idea da cantidade de madeira que se consumía. Á citada, cómpre engadir a que cada dez ou quince días se utilizaba para quecer o forno no que se cocía pan, empanadas e biscoitos. Máis leña a consumir, se ben esta era de toxo.

O toxo abundaba, ao igual que o fieito. Xuntos, eran os compoñentes da “cama” das vacas, os porcos, cabuxas, coellos e galiñas que integraban o total dos animais que a casa de labranza acubillaba. Desa “cama” se servían os avós para, en calidade de esterco, abonar as leiras e hortas nas que plantar millo, trigo, patacas, centeo, e outros produtos de consumo propio. Deste xeito, os montes mantíñanse limpos e non se producían incendios coma os que, hoxe en día, se rexistran en calquera época do ano, obrigando a manter alertas brigadas contraincendios que, para seren totalmente efectivas, sería preciso mantelas activas durante todo o ano porque nas  aldeas, nos pobos, non hai veciñanza que coide os montes e o esterco das cortes foi substituído polos abonos e sulfatos químicos. 

Resultado: montes con materia altamente inflamábel e de lume sumamente expansivo que contribúen sobremaneira aos negativos efectos que estamos a padecer malia as copiosas choivas rexistradas por exemplo este ano.

E din que non existe o cambio climático?.

Non, que va!.

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.