Máis dunha vintena de veleiros desafiaron as suaves ventolinas e a calor do verán na ría arousá para completar con éxito a tradicional volta á illa de Sálvora.
A paciencia e o bo facer do comité e das tripulacións tiveron hoxe a súa recompensa nas augas da Ría de Arousa. Malia as previsións dunha xornada asfixiante de moita calor e ventos con pouco fol, o vento do nordeste acudiu fiel á cita para salvar a Regata CONGALSA de 2026, permitindo que a flota puidese circunnavegar Sálvora un ano máis.
A convocatoria impulsada polo Club Náutico Deportivo de Ribeira resultou un auténtico éxito, logrando reunir a 21 veleiros na liña de saída. Tras unha saída limpa e escalonada á altura de Aguiño —recortando millas desde Ribeira mentres se agardaba polo vento—, as embarcacións puxeron rumbo a Sálvora, navegando a illa protexida de sur a norte. Mentres os barcos de maior envergadura tamén deixaron Rúa por babor, os cruceiros trazaron unha ruta directa cara á meta.

Clasificacións por categorías e podio final
A competición estivo rifada en todas as modalidades, configurando os seguintes podios finais:
Categoría Regata: O gran vencedor foi o Orión, capitaneado por Javier Pérez (Monte Real Club de Iates de Baiona). O segundo posto foi para o Nortemar-Peperetes de José Manuel Millán (Real Club de Regatas de Vilagarcía), e a terceira praza adxudicouno o Moucho de Daniel Ayaso, que xogaba como local representando ao club de Ribeira.
Categoría Cruceiro/Regata: O título desta división viaxa para o Club Náutico Arousa Norte grazas ao Camping Ría de Arosa, de José Manuel Pombar. Seguíronlle na táboa o Piko Norte de José Manuel Castro (Club Náutico de Boiro) en segundo lugar, e o Mauritania de Ángel Romasanta (tamén de Arousa Norte) como terceiro.
Categoría Cruceiros: A vitoria desta sección correspondeulle ao Bacor, de Francisco Javier Villamil (Real Club Náutico Portosín). A prata foi para o Arousa VI, patroneado polo presidente do club anfitrión de Ribeira, José Luis Torres Colomer, e o bronce levouno o Piolín de Manuel Castro-Gil (Club Náutico Arousa Norte).

Foto Juan Caballero
Unha destacada entrega de premios institucional
O broche de ouro da xornada veu da man da cerimonia de entrega de trofeos, que contou cunha amplísima representación social, política e empresarial da zona.
Entre as autoridades presentes estiveron o director xeral de CONGALSA, Julio Simarro, xunto á xefa de Relacións Externas da firma, Isabel Cañas; os concelleiros de Ribeira, Alex Vidal e Víctor Reiriz; o capitán marítimo de Vilagarcía, Juan Andrés Pérez; a presidenta de Cruz Vermella en Ribeira, Ángeles Mera; a presidenta da Asociación de Amas de Casa, Puri Cores, e os directivos do club organizador José Luís Lomba, Justo Arevalillo e José Díaz.



