O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, en calidade de delegado rexio, pediu este sábado na Ofrenda ao Apóstolo “unidade no pacto polo galego” e “ética política fronte aos que se deixan contaminar pola corrupción”.
Na cerimonia deste 25 de xullo estiveron moi presentes os incendios que ameazan varias comunidades de España, e tanto Santalices como o arcebispo de Santiago, José Francisco Prieto, pregáronlle ao Apóstolo polos afectados.

Os actos institucionais arrancaron pasadas as dez da mañá nesta Praza do Obradoiro co recibimento con honores ao encargado de facer a Ofrenda ao Apóstolo no nome do rei.
Miguel Santalices pasou a tradicional revistas ás tropas, con presenza por primeira vez dos tres exércitos, e despois saudou ás autoridades, encabezadas pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o delegado do Goberno. Pedro Blanco; e o expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Xa na cerimonia, na invocación ao Apóstolo o delegado rexio lembrou que estamos a apenas cinco meses de que abra a Porta Santa e que dixo que os Reis e tamén o Papa estean en Santiago na Ofrenda do Ano Santo 2027.
Santalices fixo referencias á actualidade política, defendendo un financiamento autonómico “equilibrado”, e reclamando “normas contundentes e independencia das institucións” para asegurar a “ética política” fronte aos “que s deixan contaminar pola corrupción”.
Na resposta homilía, o arcebispo de Santiago reivindicou unha Igrexa que non busca impoñer, se non favorecer o diálogo. “Necesitamos aprender de novo a tecer redes de encontro fronte á polarización; redes de solidariedade fronte á indiferencia; redes de hospitalidade fronte ao rexeitamento; redes de diálogo fronte ao enfrontamento”, dixo José Francisco Prieto.

Monseñor Francisco Prieto chama dende a Catedral a construír unha sociedade do servizo, a dignidade e o encontro no Día de Galicia
Durante a misa da Solemnidade do Apóstolo, na que o presidente do Parlamento actuou como oferente regio, o arcebispo compostelán reivindicou a protección dos máis vulnerables, alertou contra a polarización e lembrou ás vítimas dos incendios e do sismo de Venezuela.
A Catedral de Santiago acolleu esta mañá a tradicional celebración litúrxica da Solemnidade do Apóstolo Santiago, un dos actos centrais do Día de Galicia que acolle a centenaria Ofrenda Nacional ao Apóstolo, institución instaurada en 1643 por Felipe IV. Nesta ocasión, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, actuou como delegado regio e oferente en representación do Estado, acompañado polos membros da Comisión Capitular Daniel Lorenzo Santos e José Sánchez Piso.
No seu discurso de ofrenda, Santalices subliñou o valor do Camiño de Santiago como patrimonio espiritual e universal. Así mesmo, fixo un chamamento á responsabilidade política, á ética pública e á cooperación institucional para afrontar desafíos actuais como a transformación dixital, a protección dos dereitos fundamentais e a loita contra as desigualdades, reafirmando o compromiso de Galicia coa xustiza, a democracia e a unidade social.
O Apóstolo como testemuña e a dignidade humana como centro
Pola súa banda, na homilía, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto Fernández, convidou aos fieis a ollar para a figura do Apóstolo non só como un símbolo tradicional ou referencia xacobea, senón como un «testemuña e mártir» que conduce sempre cara a Cristo. Apuntando ao exemplo da primeira comunidade cristiá, Prieto salientou que a sociedade actual segue a precisar de persoas capaces de buscar a verdade, actuar segundo a súa conciencia e dar testemuño de fe con humildade e liberdade.
Neste sentido, e citando as recentes palabras do papa León XIV na súa visita a España, o prelado defendeu a liberdade de pensamento, de conciencia e relixiosa como piares dunha sociedade plural:
«A Igrexa non pretende impor as súas conviccións, senón propoñer, dialogar, servir e dar testemuño», afirmou.
A partir das palabras de san Pablo («Este tesoro o llevamos en vasijas de barro»), monseñor Prieto fixo unha profunda reflexión sobre a fraxilidade humana e a conversión do propio Santiago, quen pasou de buscar postos de privilexio a entregar a súa vida polo Evanxeo. Esa fraxilidade serviu de fío condutor para reivindicar a dignidade inherente a toda persoa: «Toda persoa é unha historia sagrada ante Deus», proclamou o arcebispo, poñendo o foco nos nenos, os anciáns, as persoas enfermas, con discapacidade, os migrantes e quen vive na pobreza. «O grao de humanidade dunha sociedade mídese polo trato que dispensa aos seus membros máis vulnerables», remarcou.
Durante a liturxia, o prelado tamén tivo un recordo solidario para as familias afectadas polos incendios forestais que están a golpear diversas zonas de España e elevou unha oración polas vítimas do recente terremoto en Venezuela, pedindo consolo para os damnificados e forza para os equipos de rescate.
Unha “cultura do encontro” fronte á polarización
A parte política e social do discurso centrouse no sentido cristián da autoridade. Recordando o mandato evanxélico («O que queira ser grande entre vós, que sexa o voso servidor»), o arcebispo fixo fincapé en que calquera responsabilidade pública ou eclesial debe entenderse como un servizo aos demais.
Monseñor Prieto alertou con firmeza do risco de converter ao adversario ideolóxico nun inimigo, advertindo que a polarización e a falta de escoita deterioran a convivencia. Citando de novo ao pontífice, avogou por substituír a confrontación por unha «cultura do encontro» e puxo o Camiño de Santiago como o mellor exemplo diso: un espazo onde miles de persoas de distintas orixes, linguas e fe camiñan xuntas sen renunciar á súa propia identidade.
Para concluír, instou a tecer «redes de solidariedade, hospitalidade, diálogo, verdade e esperanza» fronte ao desalento ou a manipulación, e apelou a deixar ás futuras xeracións algo máis ca progreso técnico ou material: unha reflexión profunda sobre os valores humanos, onde a tradición cristiá segue a achegar «froitos de humanidade» para a cultura europea.




