- O vello campo de fútbol de Cruído acollerá o sábado 11 de xullo nove horas de música en directo cun ambiente familiar e de romaría.
- O evento inclúe un ‘Espazo Talento’ para a mocidade de Noia e Lousame e contará con servizo gratuíto de autobuses.
- A recadación das entradas, con prezos de 1 e 2 euros, destinarase integramente á Cruz Vermella.
O Concello de Lousame converterase no epicentro da música e da mocidade da comarca o vindeiro sábado 11 de xullo coa celebración da quinta edición do Bolofest. O alcalde lousamián, Esteban Ares García, e o coordinador do festival, Antón Horta, presentaron esta mañá os detalles dun evento que nesta ocasión trasládase ao vello campo de fútbol de Cruído e que conta coa colaboración de Artgallar e a Asociación de Veciños de Cruído.
O rexedor amosou o seu “orgullo” por acoller unha cita tan consolidada e destacou que supón “unha importante novidade no calendario cultural do municipio” coa que agardan achegarse a un público de todas as idades. Do mesmo xeito, agradeceu a implicación de Antón Horta e a total disposición dos veciños e veciñas de Cruído para facer posible o evento.

Identidade local, natureza e ambiente familiar
Pola súa banda, Antón Horta debullou a esencia dun festival cuxo segredo radica en apostar sempre por formacións da zona. Horta definiu o Bolofest coma un proxecto cunha identidade moi propia:
“É un festival no medio da natureza, comprometido coa recollida do lixo e cun horario de tres da tarde a doce da noite para que dea opción a vir á xente nova, aos pais, aos fillos… e desfrutar dunha xornada como se fose unha romaría”.
Un cartel completo cun espazo para a mocidade
O recinto abrirá as súas portas ás 15:00 horas e a música non parará ata a medianoite. O cartel desta quinta edición combina o impulso aos novos valores coa veteranía de bandas xa coñecidas:
- Espazo Talento: Un apartado especial dedicado a mozos trapeiros de Lousame e a novos músicos procedentes da Escola de Música de Noia.
- Bandas e artistas: Actuacións en directo de YG Hizz, Cayetano, The Cods, Adhara & Ritman e Sara & Majos.
- Na cabina: DJ Pichi será o encargado de poñer o ritmo e amenizar os tempos mortos durante os cambios de grupo.
Para facilitar a asistencia e garantir a seguridade nos desprazamentos, a organización porá a disposición do público un servizo gratuíto de autobuses con liñas conectadas desde outros municipios.
Entradas solidarias: Puntos de venda
A entrada ao festival terá un carácter simbólico e solidario a beneficio de Cruz Vermella. As modalidades de compra son as seguintes:
- Venda anticipada (1 euro): Pódese adquirir en Lousame (A do Panadeiro, Cafetería Nordés-Tanatorio, Alquinoia e Flores da Costiña) e en Noia (Manducka, Jara-Tussa, A Xanela e Fina Stampa).
- En despacho de billetes (2 euros): Dispoñibles no propio recinto o día do festival.


