A XIX Feira Medieval de Padrón viviu esta fin de semana unha intensa programación cultural e festiva que volveu atraer a milleiros de persoas ás rúas da vila, onde veciñanza e visitantes de todas as idades gozaron coas múltiples actividades de rúa celebradas.

Un dos momentos máis destacados chegou na noite do sábado coa estrea de Quimera, un espectáculo da compañía Pablo Méndez Performance que sorprendeu ao público cunha combinación de malabares, acrobacias aéreas e maxia. Centos de persoas achegáronse á praza de Macías para asistir a esta proposta, que foi recibida con numerosos aplausos e que, ademais do seu impacto visual, lanzou unha mensaxe de sensibilización sobre a importancia de coidar e preservar os bosques e as fragas.
A programación continuou o domingo co ambiente característico da feira, que encheu de música, teatro, animación e espectáculos itinerantes as rúas do casco histórico. Alí permaneceron instalados os preto de 90 postos do mercado medieval. O broche final chegou coa exhibición Fire Dragons, un espectáculo de lume de gran impacto visual protagonizado por Rita de Miguel, artista que ostenta un dos récords Guinness pola lamarada de lume pola boca máis longa do mundo.
Irmandamento con Arjonilla
A xornada dominical estivo marcada tamén polos actos de irmandamento co Concello de Arjonilla. Unha delegación desta localidade completou esta mañá o Camiño de Santiago coa súa chegada á Catedral na praza do Obradoiro.
A comitiva iniciara a súa ruta en Tui e partiu ás seis da mañá deste domingo dende a igrexa de Santiago de Padrón, acompañada polo alcalde de Padrón, Anxo Arca, o alcalde de Arjonilla, Luis Miguel Carmona, o técnico de Turismo de Padrón e veciñanza da capital do Sar.
Esta peregrinación puxo o peche ao programa de actividades organizado por ambos os dous concellos para reforzar o protocolo de irmandamento asinado o pasado ano. Esta colaboración terá continuidade o vindeiro mes de setembro, cando unha delegación padronesa visitará Arjonilla para seguir estreitando os vínculos de amizade e cooperación entre ambos os municipios.




