O Consorcio de Santiago resolveu a súa convocatoria de subvencións en especie correspondente a 2026 coa selección de tres novos proxectos técnicos destinados á conservación e rehabilitación de inmobles e espazos de alto valor patrimonial na capital galega. A esta convocatoria concorreron un total de seis solicitudes, das que finalmente foron elixidas tres.

As axudas consisten na redacción, por parte do propio Consorcio, da documentación técnica necesaria para planificar futuras actuacións de restauración, así como dos correspondientes plans de mantemento. Con esta liña de axudas, o organismo busca impulsar a protección do patrimonio compostelán en edificios situados no ámbito da Cidade Histórica —declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO— e no conxunto histórico de Conxo.
As tres actuacións seleccionadas desenvolveranse nos seguintes espazos:
- Reconstrución no cemiterio do Parque de Bonaval: Promovida polo Concello de Santiago de Compostela, esta intervención permitirá redactar os proxectos para reconstruír o muro derrubado da á oeste do salón central, afectado por un desprendemento en febreiro de 2026. O proxecto incluirá tamén labores de conservación no resto dos muros perimetrais para garantir a súa estabilidade.
- Novos espazos no Convento do Carmen: A instancias da Federación FLOS Carmeli, elaborarase o proxecto para acondicionar dúas dependencias da planta soto que teñen acceso directo ás hortas e xardíns. O obxectivo é destinar estes espazos a actividades sociais e culturais, como a acollida de peregrinos, obradoiros formativos, retiros, reunións comunitarias e visitas guiadas.
- Conservación de Santa María de Salomé: Promovido polo Arzobispado de Santiago de Compostela, o terceiro proxecto centrarase nos paramentos de pedra da igrexa —especialmente no campanario—, nas carpintarías e nas cubertas do templo. Ademais, realizarase unha análise específica do estado das cubertas das capelas orientadas ao sur e abertas ao claustro para determinar as actuacións necesarias.



