
Dende o Concello de Dodro denuncian novas accións de vandalismo contra propiedade colectiva municipal. Esta fin de semana pasado tocoulle ao Punto Limpo Móbil.

Segundo constatou o Concello, os equipos de recollida foron literalmente apedrados deixando marcas visíbeis e danos de distinta consideración, “uns feitos que só teñen como finalidade o mal xa que non se saca rendemento, so se prexudica á veciñanza”.

Desde o Goberno municipal sinalouse que os feitos serán investigados e pídese a colaboración da veciñanza para atopar aos autores dos feitos.

“Do mesmo xeito solicitamos a quen vexa actitudes de este tipo ou ataques contra o ben común que o denuncie para poder poñerlle coto a este tipo de actitudes incívicas que afectan aos bens do concello e aos seus veciños”, engadiron dende o Consistorio.




