O CD Sete Castros preséntase para poñer en marcha un equipo sénior de fútbol sala con categorías inferiores

08 Xullo 2026

O salón de plenos do Concello de Lousame acolleu o acto de presentación oficial do Club Deportivo Sete Castros, unha entidade de fútbol sala que nace como iniciativa dun grupo de veciños que desexan poñer en marcha un equipo sénior de fútbol sala e que conte coas súas correspondentes categorías inferiores. Así llelo transmitiron o presidente do CD Sete Castros, Antonio Penedo, e o directivo do club Óscar Filgueira ao alcalde de Lousame, Esteban Ares García, quen estivo acompañado polas concelleiras de Deportes, Mariel Agrafojo Nieto, e de Cultura, Silvia Agrafojo Filgueira.

“Dende o Concello queremos darlle visibilidade e colaborar en todo o que poidamos porque se trata dunha iniciativa moi bonita, como toda a que está relacionada co deporte, como é a creación dun novo club de fútbol sala, modalidade deportiva na que Lousame non tiña ningún club federado”, apuntou Esteban Ares, quen puxo en valor que “dende o club tamén queren crear unha canteira na que os nenos se eduquen nos valores do deporte. Sei que os comezos son duros pero agardamos que saia adiante, dende o Concello apoiaremos en todo o que poidamos”.

Pola súa banda, Antonio Penedo explicou que a iniciativa “nace de veciños de Lousame que queríamos crear un club deportivo para competir a nivel rexional e que teña tamén categoría base para nenos, onde queremos que os rapaces desfruten do deporte, fagan novos amigos e adquiran unha disciplina”. Un punto no que incidiu tamén Óscar Filgueira: “Esperamos que a xente se anime a vir e intentaremos sacar un equipo sénior e tratar de formar á base, para que nuns anos poidamos estar asentados”. Así mesmo, explicou que o nome do club, Sete Castros, “está relacionado coas sete parroquias que ten Lousame”.

Portas Abertas

Dende o Club Deportivo Sete Castros explican que traballarán para que cada neno e nena medre tanto como futbolista como persoa. O seu obxectivo será ensinar os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol, fomentar valores como o respecto, o compañeirismo, o esforzo e a disciplina, e garantir que os xogadores desfruten do deporte nun ambiente saudable e educativo. Neste sentido, apuntan que buscarán unha progresión adaptada a cada idade, priorizando a aprendizaxe, a diversión e o desenvolvemento integral da rapazada. Así, o CD Sete Castro contará con todas as categorías: prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís.

Para dar a coñecer o proxecto entre a veciñanza, o club organizará dúas xornadas de portas abertas no polideportivo Pilar Barreiro Senra de Lousame, en horario de 17:00 a 20:00 horas. A primeira delas terá lugar xa este venres 10 de xullo, mentres que a segunda será o venres 7 de agosto. Os horarios serán: prebenxamíns e benxamíns, de 17:00 a 18:00 horas; alevíns e infantís, de 18:00 a 19:00 horas; e cadetes e xuvenís, de 19:00 a 20:00 horas.

Máis información: udlousame@gmail.com ou no WhatsApp 615 488 807.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

O Culturgal Expandido recala esta semana en Muros

A edición 2026 do Culturgal Expandido chega esta fin de semana ao Mercado Municipal de Muros cunha programación gratuíta e para todas as idades. Na presentación do programa participaron Natividad Gonzalez, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; María Lago,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.