O campo vello de Cruído acolle este sábado o V BoloFest, con entrada solidaria a favor da Cruz Vermella

10 Xullo 2026

Todo listo en Lousame para acoller a quinta edición do BoloFest, que terá lugar mañá sábado 11 de xullo no campo vello de fútbol de Cruído. Un evento organizado polo Concello de Lousame, Artgallar e a Asociación de Veciños de Cruído.

O recinto abrirá as súas portas ás 14:30 horas, onde haberá servizo de polbeira, posto de arepas e servizo de bar durante toda a xornada.

Tamén haberá servizo gratuíto de autobús, grazas á colaboración de Autos Comparado, quen porá dúas saídas dende a Estación de Autobuses de Noia, ás 14:30 e ás 20:00 horas. A maiores haberá outro servizo de volta dende Cruído a Noia ao remate do festival, a iso das 00:15 horas.

Aínda que dende a organización recomendan o uso do transporte público, tamén ten habilitadas tres zonas: no aparcamento do propio campo de fútbol, na contorna do CPI Cernadas de Castro e na marxe dereita da pista de acceso á piscina e o polideportivo municipais de Lousame. As entradas, solidarias coa Cruz Vermella de Noia, poderán adquirirse no recinto a un prezo de 2 euros, toda vez que levan esta semana en venda anticipada por 1 euro en varios puntos de Lousame (Bar A do Panadeiro, Cafetería Tapería Noroeste, AlquiNoia e Flores da Costiña) e Noia (Manducka, Jaratusas, A Xanela e Fina Stampa).

As actuacións musicais arrincarán ás 16:30 horas, co Espazo Talento, onde os combos da Escola de Música Sondela amosarán o potencial das novas promesas musicais da comarca. Ás 18:00 horas é a quenda de Mateo, coñecido como YG HIZZ, que leva tres anos cantando trap sobre as súas propias bases. Ás 18:45 horas chegarán The Cods, unha banda nacida en Noia en 2023 formada por Manuel Recarey, Alberto Sánchez, Jorge Outón e Chema Salanova que aposta por un repertorio composto integramente por temas propios que fusionan pop, rock e blues cun son persoal, fresco e auténtico interpretado con paixón e enerxía.

Dende Lousame, ás 20:00 horas chega Cayetano, quen asegura que desexa “sorprender co meu estilo a todo o público do festival, con cancións que me emocionan e que forman parte da banda sonora da miña vida”. Ás 20:45 horas é a quenda da derradeira incorporación ao festival: Zorzavella, un grupo de catro mozos que combinan ritmos rock e heavy metal a través de versións de grandes grupos, combinados con algún tema propio.

Os pratos fortes do BoloFest chegan ás 21:30 horas, con Adhara & Ritman, banda formada por Adhara Caamaño, Tito Barbeito, Arturo Kress e Andrés Castro que fusiona as raíces do folclore galego co rock & roll e o rhythm & blues creando un son propio no que a tradición e a contemporaneidade van da man. Pechará o festival Sara & Majos, interpretando grandes éxitos da música entre as 23:00 e as 0:00 horas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.