O BNG enxalza o traballo realizado pola agrupación a prol do sector marisqueiro (exención de cotas e estudo sobre produtividade)

21 Xullo 2026

O Bloque Nacionalista Galego mantivo un encontro con representantes da asociación Mulleres Salgadas en que participan o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e as deputadas no Parlamento de Galiza Rosana Pérez e Carmela González, para facer balance da situación que atravesa o sector marisqueiro e pór en valor a consecución da exención das cotas á Seguranza Social para as mariscadoras e mariscadores afectados pola grave crise que sofre o marisqueo galego, así como o estudo sobre a produtividade das rías galegas.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou que “a aplicación deste acordo conseguido pola organización nacionalista implica un alivio inmediato para centos de familias que levan meses sen poder obter ingresos do marisqueo e que, malia esa situación dramática, continuaban obrigadas a facer fronte ao pagamento das cotas á Seguranza Social”. Neste sentido, lembrou que “a medida foi froito das negociacións desenvolvidas polo BNG co Goberno do Estado e responde a unha demanda reiterada polo propio sector”.

Rego subliñou que “demostramos que, con vontade política e traballo constante, é posíbel conseguir solucións concretas para os problemas reais das mariscadoras e mariscadores galegos”. Así mesmo, salientou que “a exención das cotas permite manter todos os dereitos laborais e de cotización das persoas traballadoras mentres continúan realizando tarefas imprescindíbeis para a recuperación dos bancos marisqueiros, como as limpezas, as sementeiras ou a retirada de marisco morto, sen percibir ingresos pola venda das capturas”.

Así mesmo, o deputado nacionalista lembrou tamén “a incorporación e posta marcha por parte do Goberno, do estudo exhaustivo sobre a produtividade das rías galegas conseguido polo BNG durante a negociación do Real Decreto-lei anticrise”.

“No estudo analizaranse a s causas da perda de produtividade e as medidas precisas que se deberán aplicar para restauralas”, afirmou Rego.

No encontro, o BNG e Mulleres Salgadas coincidiron en “que estas medidas constitúen un paso importante, mais son precisas outras medidas que permitan resolver a profunda crise que atravesa o marisqueo galego, como a dotación de persoal nos centros do ISM para axilizar a resolución dos expedientes de cese de actividade, mellorar a cobertura de revisións médicas do ISM para as mariscadoras a pé, así como avanzar no Catálogo de Enfermidades Profesionais comprometido na Lei de Pesca”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.