O Bloque Nacionalista Galego de Ribeira emitiu un comunicado no que din que o afundimento do barco María Estefanía, acontecido este luns 6 de xullo no porto de Ribeira, é “unha nova mostra do estado de abandono que sofren as instalacións portuarias por parte de Portos”.
O buque, que presentaba un certo estado de deterioro e falla do mantemento necesario, afundiu provocando unha vertedura de aceite e combustible, o que obrigou a despregar material absorbente para minimizar o impacto ambiental.
Para o portavoz do BNG en Ribeira, Luís Pérez Barral, “non estamos diante dun feito illado senón da consecuencia directa dunha política de abandono por parte de Portos de Galiza, que leva anos desatendendo un dos portos de baixura máis importantes de Europa facendo que haxa barcos abandonados que poden acabar sendo un problema para os que si están en activo”.

O BNG lembra que este episodio súmase a unha longa relación de incidencias rexistradas nos últimos meses. Entre elas, o incendio do barco Awadi no porto comercial en setembro de 2025, un buque que segundo recorda a agrupación “continúa no mesmo lugar pese ao evidente risco ambiental que supón”, ao que se suma “o camión calcinado que fica desde o incendio ocorrido en maio deste ano na explanada da antiga lonxa; así como outras situacións que evidencian a falta de conservación das instalacións portuarias”, apuntan as/os nacionalistas.
Barral argumenta que “estes feitos agravan a falta de investimento e mantemento por parte de Portos, unha situación que tamén se aprecia no avanzado deterioro das infraestruturas, como se pode apreciar na rampla de Castiñeiras pendente de reparación, nas escaleiras de Aguiño esnaquizadas desde hai máis dun ano, nos problemas de iluminación en Corrubedo, na acumulación de lixo no porto comercial de Ribeira e nas carencias en materia de seguridade por non falar do descenso ata case a desaparición das descargas de buques no porto comercial”, sinala o ex alcalde de Ribeira, engadindo que “levamos anos denunciando estas deficiencias, tanto desde o BNG como desde o propio sector do mar, a última vez en abril deste mesmo ano 2026. A Xunta coñece perfectamente a situación, pero segue mirando para outro lado mentres os problemas se agravan e os incidentes se repiten”.

O portavoz nacionalista lembrou tamén que “o BNG xa presentou propostas para poñer fin a esta situación, reclamando un plan extraordinario de investimentos para os peiraos de Ribeira que permita modernizar as instalacións, garantir a súa seguridade e responder ás necesidades dos profesionais do mar batendo coa negativa do Partido Popular”.
Ademais, o BNG considera “especialmente preocupante” a actitude Goberno municipal nesta materia: “En Ribeira existe un concelleiro do Mar con dedicación e soldo pagado por todos os veciños e veciñas, pero non estamos vendo que esa responsabilidade se traduza nunha defensa firme dos intereses do noso porto nin en esixir á Xunta os investimentos que Ribeira necesita”..
O portavoz do BNG concluíu advertindo de que “o ocorrido co María Estefania debería servir como punto de inflexión. Antes de que teñamos que lamentar consecuencias moito máis graves para as persoas, para outros buques que están en activo ou para o medio ambiente, a Xunta debe asumir as súas responsabilidades e deixar de tratar os peiraos de Ribeira como unha infraestrutura de segunda. Os profesionais do mar precisan uns peiraos ben mantidos e investimentos acordes á importancia económica e social que ten este sector para todo o país e, de maneira especial, para Ribeira”.



