Froxán estrea brigada de “bestas bombeiras” para favorecer a restauración ecolóxica dos montes e a prevención de incendios

09 Xullo 2026

A Fundación Montescola deu este xoves 9 de xullo un novo paso para a restauración ecolóxica e a prevención de incendios coa solta dos tres primeiros cabalos en liberdade do proxecto A volta das bestas no Monte Veciñal en Man Común de Froxán, no concello de Lousame.

Dende a fundación lembran que “as bestas son un elemento fundamental das paisaxes do Barbanza e dos ecosistemas atlánticos, contribuíndo a reducir biomasa e mitigar o risco de incendios”.

Os animais permanecerán inicialmente nun peche de 8,5 hectáreas, construído e financiado pola Comunidade do Monte Veciñal en Man Común de Froxán, recoñecida en 2017 polo Programa das Nacións Unidas para o Ambiente como Área Conservada por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais (ICCA).

Este primeiro peche sitúase ao norte da aldea e forma parte dunha devasa (cortalumes) verde, onde se combinan carballeiras en restauración, zonas abertas mantidas mediante pastoreo natural e a turbeira de Campo de Lamas, recuperada nos últimos anos e agora incluída no Inventario de Zonas Húmidas de Galicia.

Explican dende Montescola que “o proxecto busca devolver ás bestas o seu papel ecolóxico como grandes herbívoros do monte atlántico”. En concreto, o seu pastoreo reduce de maneira natural a acumulación de biomasa combustíbel, contribuíndo á prevención dos incendios forestais, ao tempo que favorece a conservación de hábitats prioritarios como as turbeiras e queirogais húmidos, limita a erosión do solo e contribúe ao almacenamento de carbono. “Por iso”, sinalan, “estas bombeiras de catro patas son aliado imprescindíbel para construír paisaxes máis resilientes fronte ao cambio climático”.

Noa, Estrelada e Martiño son o núcleo inicial dunha grea que Montescola espera ampliar ata dez cabalos antes de rematar o verán.

Micromecenado

Para conseguilo está aberta unha campaña de micromecenado na plataforma Teaming, que permite colaborar co proxecto cunha achega de tan só 1 euro ao mes, que ademais conta cunha dedución do 80% no IRPF. Os fondos destinaranse á adquisición de novos animais, ao seu transporte, ao seguro e ás infraestruturas básicas necesarias para garantir o seu benestar e a correcta xestión da grea.

Montescola anima á cidadanía a amadriñar as bestas da grea e contribuír así a recuperar un elemento esencial do patrimonio natural e cultural das serras atlánticas.

O papel das bestas grandes herbívoros na prevención de lumes

Na Serra do Barbanza, as paisaxes abertas de queirogal están a desaparecer e degradarse debido á expansión do eucalipto e acacia e á matorralización derivada da redución dos cabalos en liberdade e a desaparición doutros usos tradicionais. “O resultado”, explican dende Montescola, “é unha paisaxe con menor biodiversidade e moi inflamábel, que sofre incendios recorrentes, con cada vez menor resiliencia e capacidade de fornecer servizos ecosistémicos á poboación que rodea a Serra, como é a auga”.

Desde os anos 1990 produciuse un declive xeneralizado das poboacións de cabalos salvaxes, especialmente logo da introdución a partir de 2008 da obrigatoriedade de rexistro e identificación de microchip (ao equiparse legalmente a cabalos domésticos) e os conflitos de uso. O colapso das greas tamén levou á desarticulación das poboacións de lobo e a un aumento da conflituosidade con esta especie.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

O Culturgal Expandido recala esta semana en Muros

A edición 2026 do Culturgal Expandido chega esta fin de semana ao Mercado Municipal de Muros cunha programación gratuíta e para todas as idades. Na presentación do programa participaron Natividad Gonzalez, deputada de Cultura da Deputación da Coruña; María Lago,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.