Centos de peregrinos enchen as rúas da Ría da Estrela

22 Xullo 2026

“Algunhas mañás cruzábame con parellas de peregrinos ou pequenos grupos. Eran unha anécdota, pero ao final desta primavera a cousa mudou. Primeiro comecei a encontralos todos os días, despois o número foi medrando e sen decatarnos os peregrinos pasaron a ser parte habitual da nosa clientela”. Son palabras de Noelia Rodríguez, do hotel restaurante Casa Peto (Outes) que corroboran as boas sensacións que o principio do verán deixou na Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia.

Noelia da Casa Peto

“O sector hostaleiro advertíanos dun goteo constante de peregrinos durante os últimos meses, pero coa chegada do mes de xullo produciuse unha auténtica eclosión do Camiño da Ría de Muros Noia, tanto na versión marítima como terrestre”, asegurou pola súa banda Luís Oujo, presidente da Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia e da Ría da Estrela.

“Un éxito do que xa empezaba a haber signos nos últimos meses pero que coa chegada do verán confirmouse con rotundidade. E o sector hostaleiro é o primeiro en certificar que este Camiño deixou de ser un proxecto para empezar a render froitos e xerar beneficios ás xentes da Ría da Estrela, principal obxectivo do traballo realizado desde a asociación nos últimos anos”, confirmou Oujo Pouso, alcalde do Porto do Son.

Cambio extraordinario

“O cambio foi extraordinario”, destaca Montse Paris, responsábel de hospitalidade do Camiño da Ría de Muros Noia, “o ano pasado ocupabámonos de atender as necesidades de grupos españois. Co acordo coa Fraternidade do Camiño para dedicar o albergue de Noia ao tradicional sistema de acollida de peregrinos, empezaron a chegar grupos de nacionalidades diversas, como húngaros ou arxentinos; e tras a concesión do recoñecemento como Itinerario Cultural Europeo á Vía Querinissima, comezamos a recibir italianos a título particular e tamén a empresas de turoperadores que están organizando para os seus clientes rutas de peregrinación e tamén de sendeirismo, porque a ruta circular Volta de Gloria, que une o Camiño da Ría co de Fisterra Muxía, tamén se está facendo notar”.

Monse París

Un claro exemplo foi a visita el pasado mes de xuño de Flavio Prospero, representante do turoperador veneciano Cammini Atlantici, que percorreu tanto o Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia como a Volta de Gloria e que xa está ofrecendo itinerarios e rutas aos seus clientes italianos, moi atraídos por todo o relacionado coa epopeia da viaxe de Pietro Querini e o seu descubrimento do bacallau seco noruegués, que acabaría tendo un enorme impacto no comercio europeo do século XV.

Reforzo do Camiño Marítimo

A todo isto hai que engadir tamén o reforzo do Camiño Marítimo da Ría de Muros Noia, como demostra o gran número de navegantes portugueses que participaron na VI Ruta Rías Baixas-Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia, organizada polo Monte Real Club de Iates de Baiona, o Real Club Náutico de Portosín, a Ría da Estrela e a Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia.

“Temos a fortuna de vivir nunha zona excepcional para a navegación e onde a ruta entre Baiona e a Ría de Muros Noia permítenos cumprir os requisitos do Arcebispado para obter a Compostela coas máximas condiciones de seguridade, sucando ademais toda a beleza das Rías Baixas”, sinala Laura Moya, xerente de Sailway, “por iso a nosa empresa centrouse neste percorrido. Nestes meses programamos saídas en abril, maio, xuño e temos en marcha novas oportunidades para reservar prazas nos nosos barcos o 19 de agosto, o 9 de setembro e o 9 de outubro. E recentemente levamos peregrinos na VI Ruta Rías Baixas – Camiño da Ría de Muros Noia, un éxito de participación con máis de 40 barcos”.

O aumento de peregrinos portugueses responde tamén ás distintas accións promocionais realizadas pola Asociación de Municipios do Camiño da Ría de Muros Noia en Lisboa e Porto en decembro de 2025. O recoñecemento da Vía Querinissima como Itinerario Cultural Europeo marca tamén un momento histórico para a Ría da Estrela e o Camiño da Ría de Muros Noia, toda vez que abre unha nova fase de desenvolvemento para fortalecer aínda máis as colaboracións internacionais, promover iniciativas culturais e turísticas sostíbeis, realzar os territorios implicados e difundir os valores europeos a través dun patrimonio histórico e cultural compartido e inspirado no legado de Pietro Querini.

En Galicia, o Camiño de Santiago foi o primeiro en conseguir esta distinción en 1987. A incorporación en 2026 do Camiño da Ría de Muros Noia é a segunda ruta xacobea e a primeira na que se inclúe un camiño marítimo, o que eleva o seu atractivo de cara ao peregrino, como se está comprobando neste verán.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.