A ONCE presenta en Padrón o primeiro cupón adicado á Festa do Pemento

29 Xullo 2026


A Festa do Pemento de Herbón será protagonista en toda España da man da ONCE. Coincidindo coa celebración gastronómica padronesa, o cupón do sorteo deste sábado, 1 de agosto, estará dedicado a esta cita declarada de Interese Turístico de Galicia, cunha tirada de cinco millóns e medio de boletos que difundirán a imaxe do produto máis emblemático de Padrón por todo o territorio estatal.

A presentación oficial do cupón tivo lugar este mércores 29 de xullo na Casa do Concello, nun acto no que participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o director da Axencia da ONCE en Santiago de Compostela, José Antonio Riveiro Canoso; a presidenta da Cooperativa A Pementeira, Milagros González Refojo; a promotora comercial da ONCE María Jesús Castro Suárez e as persoas traballadoras da ONCE Juan Carlos Couto, Ángela Sánchez Domínguez e Ángel Souto Cordo.

Durante o acto, Anxo Arca agradeceu á ONCE que “volva mirar cara a Padrón para dar a coñecer un dos nosos maiores símbolos gastronómicos e culturais”. O rexedor destacou que “cinco millóns e medio de cupóns percorrerán España levando o nome de Herbón e de Padrón, contribuíndo a promocionar unha festa que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor dun produto único e dunha tradición profundamente vencellada á nosa historia”.

Pola súa banda, José Antonio Riveiro subliñou a satisfacción da ONCE por colaborar na difusión dunha celebración tan representativa de Galicia. “Queremos animar a toda España a coñecer e desfrutar da Festa do Pemento de Herbón, unha cita que pon en valor un produto de extraordinaria calidade e unha tradición moi arraigada”, sinalou.

A presentación deste cupón conmemorativo serviu tamén para poñer en valor o labor dos vendedores e vendedoras da ONCE no municipio.

Así, o Concello fixo un recoñecemento especial aos profesionais que desenvolven habitualmente o seu traballo en Padrón, como Pilar Mosquera e José Ramón Eiras —que venderán os cupóns o propio día da festa—, e David Vázquez Perol e Eliseo Rey Garrido, actualmente de vacacións e substituídos por Ángela e Ángel.

A Festa do Pemento, que se celebra desde 1978 na carballeira do convento franciscano, constitúe unha das citas gastronómicas máis importantes do calendario festivo galego.

A parroquia de Herbón é a principal produtora dos recoñecidos pementos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Herbón, famosos dentro e fóra de Galicia polo coñecido dito popular: “Os pementos de Padrón, uns pican e outros non”.

A segunda vez que a ONCE se une a unha festa en Padrón

Esta é a segunda ocasión na que a ONCE dedica un dos seus cupóns a unha das grandes celebracións de Padrón, despois de que en 2024 fixese o propio coas Festas da Pascua. Ademais, a organización tamén homenaxeou hai xusto unha década o municipio coincidindo co centenario do nacemento de Camilo José Cela, no ano 2016.

O Cupón Fin de Semana da ONCE ofrece cada sábado e domingo un premio principal de 300.000 euros, máis 5.000 euros ao mes durante 20 anos consecutivos, ademais doutros importantes premios.

Precisamente a fortuna sorriu recentemente a Padrón, xa que durante a pasada fin de semana das festas do Santiaguiño do Monte, este sorteo deixou no municipio máis de 1,6 millóns de euros en premios. Agora, coa imaxe da Festa do Pemento como protagonista do boleto deste sábado, a ONCE e o Concello agardan que a sorte volva facer parada na vila.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“22 de noviembre de 1963” – Manuel Domínguez

“22 de noviembre de 1963” – Manuel Domínguez

22 de noviembre 1963. Esa tarde estaba escuchando la radio, de joven muy aficionado a ello. Sobre las 09,30 de la tarde la radio da la noticia, el presidente Kennedy ha muerto. Para un jovencito de corta edad ¿Qué importancia pudiera tener esta noticia? El NO-DO, que...

“Retirada de Medallas ao Mérito no Traballo” – Antón Luaces

“Retirada de Medallas ao Mérito no Traballo” – Antón Luaces

Os galegos Pedro Barrié de la Maza, José Fariña Ferreño e José María González-Llanos figuran entre as sete persoas e unha entidade ás que o Ministerio de Traballo retirará as  Medallas ao Mérito no Traballo polos seus vínculos  ao golpe de estado fascista e...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.