A degustación gratuíta de Lirio de Ribeira ao estilo fish&chips organizada pola OPP83 Cooperativa Galega do Mar Santa Uxía (Cooperativa Gallega del Mar Santa Eugenia) tivo unha gran acollida entre o público dorneiro, na xornada grande da Festa da Dorna (este venres 24), que rematou coas existencias en apenas dúas horas Ribeira.

O Lirio de Ribeira conquistou a celebración co reparto de 1.000 racións gratuítas en menos de dúas horas. A acción, organizada para dar a coñecer a marca de calidade da OPP83 e fomentar o consumo de peixe entre as novas xeracións, tivo un gran éxito de acollida entre o público dorneiro.

A degustación desenvolveuse nas inmediacións do Centro de Deportes de Raqueta Santa Uxía, fronte á praia de Coroso, onde centos de persoas se achegaron para desfrutar gratuitamente do sabor do Lirio de Ribeira ao estilo fish&chips elaborado polo catering Chicolino.

A actividade completouse coa entrega de orixinais pai-pai con información sobre este peixe branco e a receita, así como neveiras de praia, agasallos pensados especialmente para os días calorosos do verán.

A apertura asistiron a xerente da OPP83, María José Casais, o subdirector xeral de Valorización de Mercados da Xunta de Galicia, Julio César García Varela, o concelleiro do Mar de Ribeira, Fernando Abraldes, e o presidente da Real e Ilustre Cofradía da Dorna, Álex Nespereira, e a xefa do Distrito Marítimo de Ribeira, Leire Blanco.

Casais, que agradeceu especialmente a colaboración da Real e Ilustre Cofradía da Dorna no desenvolvemento da acción, destacou a excelente resposta obtida: “Repartir 1.000 racións en menos dunha hora demostra que hai interese por descubrir os nosos produtos pesqueiros cando os achegamos ao consumidor dun xeito diferente. Queremos que cada vez máis persoas, e especialmente os máis novos, coñezan e consuman Lirio de Ribeira”.

Pola súa banda, García Varela salientou que “este tipo de iniciativas son fundamentais para seguir avanzando na promoción e valorización dos produtos do mar, achegándoos directamente ao consumidor e poñendo en valor a calidade do noso sector pesqueiro”. Abraldes destacou que “Ribeira é unha cidade profundamente ligada ao mar e é moi positivo aproveitar celebracións como a Dorna para compartira nosa identidade mariñeira e promocionar os nosos peixes”.

Pola súa parte, Nespereira amosou a súa satisfacción pola acollida da iniciativa: “A Festa da Dorna é tamén un escaparate da identidade mariñeira de Ribeira, polo que estamos encantados de colaborar nunha acción que pon en valor un peixe tan noso como é o lirio”.

A marca Lirio de Ribeira, recoñecida desde 2022, distingue un produto caracterizado pola súa extraordinaria calidade e frescura, cunha rastrexabilidade garantida desde o propio barco. Trátase dun peixe coidado desde o momento da captura, cunha conservación e manexo pensado para preservar ao máximo as súas calidades e garantir a súa chegada a porto en menos de 7 horas.

Esta acción está integrada no PPeC 2026 da OPP83, cofinanciado pola Xunta de Galicia e o FEMPA. Con este tipo de iniciativas a Cooperativa Santa Eugenia ten como obxectivo promocionar e poñer en valor o Lirio de Ribeira, reforzar o seu coñecemento entre o consumidor e incentivar o consumo de peixe a través de propostas atractivas e novos hábitos de consumo.





