Volve o Festival Atlántica a comezos de xullo, con funcións en Outes, na Pobra, Dodro, Padrón e Ribeira

15 Xuño 2026

O Festival Atlántica presentou en Santiago este luns 15 de xuño a súa décimo cuarta edición. A nova convocatoria, sinalaron dende a organización, vén cun programa máis extenso, novas sedes e unha maior presenza de artistas e proxectos vinculados ao patrimonio cultural e á tradición oral. Para Soledad Felloza, directora do evento, o aumento das cifras revela “que tras trece edicións, o Festival Atlántica revélase como un importante creador de públicos e novos escenarios para a narración oral galega aínda en crecemento”.

A programación amplía de xeito significativo a súa duración, con cinco días máis que na edición anterior, celebrándose do 26 de xuño ao 10 de xullo. Tamén reforza a súa presenza en todo o territorio: cun total de 33 localidades galegas, oito máis que o ano pasado. Do mesmo xeito, conta con 62 espazos escénicos e 50 artistas, con presenza de Galicia, Portugal, Navarra, Zamora, Huelva e Colombia, con continuidade do intercambio transfronteirizo e ibérico.

Asemade, continúa o Ciclo Novas Voces en varias sedes (Santiago, Mugardos, Ribeira, Pazos de Borbén, Outes, A Fonsagrada…) e amplíase o traballo en espazos patrimoniais, naturais e singulares en todo o territorio.

O festival conta co patrocinio xeral da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, da Deputación de Lugo e mais co apoio dos diferentes concellos que participan, como é o caso do Concello de Santiago de Compostela onde se realizou a presentación.

No anuncio da programación participaron a concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica do Concello de Santiago, Míriam Louzao; o director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo; o alcalde do Concello de Dodro, Francisco X. Castro; a alcaldesa do Concello de Vimianzo, Mónica Rodríguez; alcalde do Concello de Pazos de Borbén, Luciano Otero; o alcalde do Concello de Outes, Francisco Calo; a concelleira de Cultura e Turismo de Teo, Mª Margarita Rosende; así como membros do equipo organizador encabezados pola directora do festival, Soledad Felloza.

A directora do Festival destacou que “Atlántica é hoxe un festival maduro, cunha identidade consolidada e cunha rede de colaboración que medrou co tempo. Moitas das voces que protagonizan a escena actual da narración en Galicia compartiron os seus primeiros pasos con nós e hoxe percorren o país formando parte dun tecido creativo cada vez máis sólido”.

Felloza fixo fincapé en que coincidindo co 50 aniversario do falecemento de Ramón Otero Pedrayo, a edición de 2026 incorpora propostas que dialogan co legado dunha das figuras fundamentais da cultura galega, reforzando a conexión entre tradición e contemporaneidade e reafirmando o compromiso do festival coa memoria cultural de Galicia.

Asemade, a lectura pública da obra de Begoña Caamaño, realizada coa colaboración de ASPANAES e aberta á participación da sociedade galega, exemplifica a dimensión comunitaria e inclusiva do festival.

Sobre o recoñecemento ás figuras fundamentais da cultura galega, destaca que a entrega da Cornamusa de Honra á profesora e investigadora Camiño Noia supón unha homenaxe a unha das grandes especialistas no estudo e difusión do conto popular e da tradición oral galega, salientando o rol da muller non só na trasmisión se non tamén na investigación.

A principal novidade desta edición é a súa expansión territorial e temporal. Durante quince días, Atlántica levará a narración oral a castelos, castros, petróglifos, mámoas, lavadoiros, eiras e airas, pozos do liño, escolas indianas, museos, bibliotecas, xardíns botánicos e sendas ecolóxicas, centros culturais, espazos naturais e lugares patrimoniais de toda Galicia.

O festival chegará a 33 localidades das catro provincias galegas, dende A Coruña, Santiago, Ferrol, Mugardos, Teo, Ribeira ou Vimianzo ata Ourense, Castroverde, Quiroga, Taboada, A Fonsagrada ou Xunqueira de Ambía, entre outras, consolidando unha rede cultural que conecta ámbitos urbanos e rurais a través da palabra contada.

Esta aposta polo territorio compleméntase cunha programación que continúa a explorar a relación entre patrimonio material e patrimonio inmaterial mediante roteiros narrados, conferencias, visitas guiadas, propostas vinculadas á memoria popular e espectáculos creados especificamente para espazos singulares.

En Outes

O domingo 28 de xuño Celso F. Sanmartín achegará o espectáculo Contar no Náutico do Freixo a partir das 20.30 horas. Para público adulto e de balde.

En Padrón

O xoves 2 de xullo Vero Rilo e Ángeles Goás representarán Contos colorados no Museo Camilo José Cela de Iria Flavia, Padrón. Será de balde e para público adulto. A partir das 21.00 horas.

En Dodro

O venres 3 de xullo representarase Donas do lugar na Eira da Malla de Bexo, Dodro, a partir das 21.00 horas e da man de María de Pontragha. A partir das 21h. De balde e para público adulto.

Na Pobra

O venres 3 de xullo Irene Reina (Huelva) levará á Pobra do Caramiñal, aos xardíns do Pazo do Couto, a obra en castelán Raianas. Será a partir das 21.00 horas. De balde e para público adulto.

En Padrón

O venres 3 de xullo o Museo Camilo José Cela acollerá a función Hamelin de Fran Rei, para a rapazada a partir de catro anos. De balde e a partir das 11h.

En Ribeira

Antonio Fontinha (Portugal) e Esmeralda Folgado (Zamora) levarán a Ribeira o espectáculo Inequivocamente. Será ás 21.00 horas. De balde e para público adulto.

En Dodro

O sábado 4 de xullo Irene Reina (Huelva) levará a Dodro, ao Pozo do Conxeiro ou do Liño, en Eiró (Dodro), a obra en castelán Historias raianas. Será a partir das 21.00 horas. De balde e para público adulto.

Na Pobra

O sábado 4 de xullo o Convento de Santo Antón da Pobra do Caramiñal acolle o espectáculo Contiñas, a partir das 21h. De balde e para público adulto.

En Ribeira

O Lavadoiro de Penisqueira (Aguiño, Couso) será o escenario da función O que non estaba escrito, o sábado 4 de xullo a partir das 21h, a cargo de Carmen Conde. De balde e para público adulto.

En Outes

O domingo 5 de xullo a artista navarra Amaia Elizagoien levará a Outes, ao Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira en Broña, a peza Contos do Norte, a partir das 21h. Para público adulto e de balde.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.