O Consorcio de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentaron a publicación “Monjes y frailes arquitectos en la Galicia del Barroco”, unha obra da historiadora da arte Paula Pita Galán que afonda na contribución dos relixiosos á transformación arquitectónica de Galicia entre os séculos XVI e XVIII.

O acto de presentación celebrouse no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e contou coa participación da autora, do xerente do Consorcio de Santiago, José Antonio Domínguez Varela; do director de Publicacións da USC, Juan Blanco Valdés; do catedrático de Historia da Arte da USC, Miguel Taín Guzmán; e do responsable de publicacións do Consorcio, Juan Conde Roa.
A publicación, integrada na Biblioteca Científica do Consorcio de Santiago, constitúe unha obra de referencia para coñecer o papel que desempeñaron monxes e frades como arquitectos, mestres de obras e técnicos ao servizo das súas comunidades relixiosas, así como doutras institucións públicas e privadas durante a Idade Moderna.
Baseándose nunha ampla investigación documental e nun destacado soporte gráfico, Paula Pita Galán analiza a participación destes relixiosos na construción, ampliación e renovación de mosteiros e conventos, ademais da súa formación, as fontes de coñecemento das que bebían e as relacións profesionais que mantiveron con outros protagonistas da arquitectura da época.
Entre os relixiosos estudados destacan figuras como frei Tomás Alonso, autor da coñecida balconada do Hospital Real de Santiago, e frei Gabriel de Casas, responsable da portería do mosteiro de San Martiño Pinario. A investigación tamén recupera a traxectoria doutros mestres pertencentes ás distintas ordes relixiosas que contribuíron de forma decisiva á configuración do patrimonio arquitectónico galego.
Unha especialista na arquitectura barroca
Paula Pita Galán é doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, con Mención Internacional e Premio Extraordinario. Desde o inicio da súa carreira investigadora especializouse na historia da arquitectura e do urbanismo barrocos, así como na teoría artística da Idade Moderna.
Ao longo da súa traxectoria realizou estadías en prestixiosos centros de investigación nacionais e internacionais, entre eles o Centro Italiano di Studi Compostellani, o Kunsthistorisches Institut in Florence e o Bryn Mawr College dos Estados Unidos, grazas a unha bolsa Fulbright.
Antes desta publicación xa abordara o estudo dos arquitectos pertencentes ás ordes relixiosas en obras como El manuscrito de Fray Bernardo Foyo y el plano de Fray Plácido Caamiña (2007) e Fray Manuel de los Mártires, maestro de obras de San Domingos de Bonaval (2017). Desde xaneiro de 2026 é científica titular no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (CSIC-Xunta de Galicia).



