
Ribeira acolle dende hoxe, martes 16 de xuño, no seu Centro Cultural Lustres Rivas, e até o 4 de xullo a mostra itinerante da décimo novena edición do Premio Internacional Luís Ksado de Creación Fotográfica, promovida pola Deputación da Coruña. Atoparemos nesta escolma unha mención de honra e catro seleccionadas finalistas, o que se traduce en máis de medio cento de imaxes.

Durante a inauguración, a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifestou que “dende o Concello de Ribeira seguiremos apoiando a creación artística en todas as súas disciplinas e achegando á nosa cidadanía propostas culturais que nos enriquecen.” O fotógrafo madrileño Juan Manuel de la Quintana Sánchez-Mateos é o gañador por: I gotta change; que aborda a temática da saúde mental. Ademais, o fotoxornalista galego Óscar Corral, recibe unha mención honorífica por: L’horta Sud, polo seu tratamento visual dos efectos da DANA, a través dunha linguaxe simbólica e sutil que transcende o enfoque informativo. As outras catro propostas que se poden observar son as seleccionadas como finalistas. Trátase de: Metamorfose, de Carlos Folgoso; As leccións esquecidas, de Raquel López; Un lugar á parte do mundo, de Stephanie Lutier e Entre o tempo e o sabor, o mar, unha memoria visual, de Miguel Muñiz.
Informar que a exposición fotográfica pode visitarse no de luns a venres, de 10 a 14 e de 18 a 21 horas, ademais dos sábados, dende as 10 até as 14 horas.




