Reabren 14 polígonos de bateas e tres zonas de marisqueo ante a evolución positiva do episodio de toxinas

19 Xuño 2026

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), dependente da Consellería do Mar, confirmou os primeiros signos de mellora e remisión do episodio de biotoxinas mariñas que veu condicionando a actividade extractiva no litoral galego. Os resultados analíticos máis recentes permitiron decretar a reapertura de 14 polígonos de bateas e de tres zonas de marisqueo, “o que supón un importante balón de osíxeno para o sector produtivo da cadea mar-industria”, segundo informou a Consellería, engadindo que as novas resolucións de apertura ditadas polo organismo autonómico benefician a diversas instalacións produtivas.

No caso da ría de Arousa, autorízase o regreso á actividade comercial nos polígonos de mexillón de Ribeira B e C, A Pobra H, B, C e D, Cambados A2, E, A1, C (Norte) e C (Sur), así como no Grove A. Pola súa banda, a ría de Vigo recupera a operatividade nos viveiros flotantes de Cangas E e Redondela A e E, mentres que na ría de Pontevedra as medidas de reapertura fano posible retomar a extracción de moluscos infaunais nas zonas de marisqueo correspondentes aos sectores III.1, III.2 e IV.1.

A Consellería reflicte que “esta evolución favorábel vén motivada en gran parte polas actuais condicións meteorolóxicas, que están a facilitar unha rápida renovación das augas nas rías e acelerando de xeito notable o proceso de desintoxicación natural dos propios moluscos”.

Esta evolución positiva tamén se traslada de xeito directo aos polígonos especializados no cultivo de ostra, onde a estabilidade é case absoluta con tres das catro zonas operativas no litoral.

No tocante ao marisqueo, coa apertura da totalidade da ría de Pontevedra, os datos constatan unha recuperación integral dos areais galegos. Do conxunto de áreas de produción controladas pola Administración autonómica, tan só 5 de 39 zonas se manteñen pechadas na actualidade por precaución sanitaria, o que garante o subministro de bivalvos con totais garantías de calidade e seguridade alimentaria nos mercados.

Malla a esta tendencia favorábel, os técnicos do INTECMAR manteñen un despregue analítico estrito para monitorizar a presenza da microalga nas augas. Ao longo do día de hoxe mostreáronse catro polígonos da ría de Pontevedra —conca que, por mor da lenta renovación de auga, aínda mantén a totalidade das súas bateas pechadas, ao igual que acontece nas rías de Muros-Noia e Ares-Betanzos— e outros dous polígonos da ría de Arousa.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.