Peperetes-Nortemar, Orión e Fixius proclámanse vencedores da XXV Regata Frinsa na ría de Arousa

27 Xuño 2026

A XXV Regata Frinsa reuniu este sábado na ría de Arousa a 40 embarcacións da clase ORC nunha edición moi especial, marcada pola homenaxe ao empresario Ramiro Carregal Rey pola súa traxectoria e compromiso co deporte da vela e co mar.

Organizada polo Club Náutico e Deportivo de Ribeira, a competición desenvolveuse nunha xornada de excelentes condicións meteorolóxicas, con mar e vento favorables que permitiron completar con rapidez o percorrido deseñado polo comité de regatas entre boias e faros da ría.

Foto:María Elena Rodríguez

A saída produciuse arredor das 13.00 horas e pouco despois das 15.30 todas as embarcacións xa regresaran aos pantaláns do club anfitrión, onde tivo lugar a entrega de premios e unha degustación de produtos da conserveira Frinsa. En representación de Ramiro Carregal asistiu a súa filla, Lourdes Carregal, debido á indisposición do empresario.

Na categoría Regata, o triunfo foi para o Peperetes-Nortemar, patroneado por José Manuel Millán e pertencente ao Real Club de Regatas de Galicia de Vilagarcía. O segundo posto foi para o Bon III, de Víctor Carrión, do Club Náutico Punta Lagoa, mentres que o Galopín, de Manuel Franco, do Club Náutico e Deportivo de Ribeira, completou o podio.

Na clase Cruceiro-Regata, o Orión, de Alberto Javier Pérez, do Monte Real Club de Yates de Baiona, revalidou o título conseguido nas edicións de 2024 e 2025. O Maracaná, de Carlos García, do Real Club de Mar de Aguete, foi segundo, e o Camping Ría de Arosa, de José Manuel Pombar, do Club Náutico Arousa Norte, ocupou a terceira posición.

Pola súa banda, na categoría Cruceiro, o vencedor foi o Fixius, de Miguel Pérez Lafuente, do Real Club de Regatas de Galicia de Vilagarcía. O Piko Norte, de José Manuel Castro, do Club Náutico de Boiro, acadou a segunda praza, mentres que o Bacor, de Francisco Villaamil, do Real Club Náutico de Portosín, pechou o podio.

A entrega de premios contou cunha ampla asistencia de público e coa presenza da alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro; Lourdes Carregal; o presidente do Club Náutico e Deportivo de Ribeira, José Luís Torres Colomer; a presidenta de Cruz Vermella Ribeira, Ángeles Mera; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde, ademais doutras autoridades e representantes do ámbito náutico.

Foto: María Elena Rodríguez

Outros artigos

Volve co Samaín o Claustro do Terror no Concello de Noia

Tras o éxito do ano pasado, regresa o II Claustro do Terror, que volverá converterse nun dos grandes protagonistas do Samaín de Noia. Novamente as persoas participantes terán que resolver un crime no Consistorio, e a resolución virá acompañada dun ambiente axeitado...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.