Padrón soluciona os históricos problemas de abastecemento de auga na parroquia de Cruces

12 Xuño 2026

O Concello de Padrón realizou unha intervención de urxencia en Tarrío (Pazos) que consistiu na instalación dunha estación de bombeo de aceleración destinada a evitar caídas de presión na zona norte da rede municipal de abastecemento, onde estaban especialmente afectadas as zonas de Prada, A Picaraña ou Areal, na parroquia de Cruces. O Concello explicou que “estes lugares viñan padecendo situacións de baixa presión ou desabastecemento recorrente especialmente nas épocas de estiaxe, cando aumenta de xeito considerábel o consumo de auga na rede en horas punta”.

Esta nova estación de bombeo está totalmente automatizada e telexestionada, programada para entrar en funcionamento en canto detecta baixadas de presión polo incremento do consumo, mantendo así unha presión constante. Conta con catro bombas de aceleración, tres delas para o funcionamento habitual e unha a maiores de reserva que entrará en funcionamento en caso de avaría dalgunha das habituais.

Deste xeito o Concello quixo “pór fin ás dificultades que historicamente viña padecendo a veciñanza destes lugares, que se vía obrigada a buscar alternativas para realizar as tarefas máis cotiás, como lavar a roupa ou ducharse”.

O alcalde, Anxo Arca, manifestou a súa satisfacción por “ter resolto esta problemática, xa que toda a cidadanía merece ter garantidos os servizos básicos. Dende o Concello traballamos nese sentido, mellorando a rede de abastecemento e tamén a de saneamento para estendela a todos os núcleos e que preste o mellor servizo”. E engadiu: “A veciñanza de varios puntos da parroquia de Cruces pasouno realmente mal durante moito tempo vendo a súa vida condicionada pola falta de auga. Era unha situación que debía terse solucionado hai tempo. Alégrame que por fin poidan vivir tranquilos. Este é un bo exemplo de que dende o Concello traballamos para mellorar a calidade de vida da cidadanía”.

O Concello de Padrón vén de realizar varias intervencións de urxencia co fin de mellorar as súas redes de abastecemento e de saneamento. A esta actuación de abastecemento en Tarrío, súmase a mellora do servizo na rúa Nova e na rúa Pérsico (aínda en execución), ou en Cortiñas. Actuacións encamiñadas a mellorar a rede solucionando problemas recorrentes e coñecidos que ata agora non se tiñan afrontado coa suficiente dilixencia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.