
O Grupo Municipal Socialista de Rianxo emitiu un comunicado no que expresa a súa preocupación polas medidas de prevención e defensa contra incendios forestais no municipio, que segundo sinalan “non tivo avances efectivos esta tempada”, malia ser unha cuestión que afecta directamente á seguridade da veciñanza e á protección do territorio, apuntan, engadindo que “no ano 2025 o PSdeG-PSOE de Rianxo presentou unha moción na que se instaba tanto á Xunta de Galicia como ao propio Concello a mellorar os accesos forestais, axilizar as actuacións de limpeza das faixas de protección e garantir o cumprimento do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais aprobado en 2019”.
Nesa iniciativa, lembran, “tamén se reclamaba a necesidade de reforzar a planificación, os recursos e a coordinación institucional para evitar que se chegase aos períodos de máximo risco sen os deberes feitos”. Porén, sinalan, “a día de hoxe constatamos que moitas destas cuestións seguen sen resolverse, manténdose unha dinámica de escasos avances reais en materia de prevención, o que volve situar ao concello nunha posición de vulnerabilidade ante o inicio da campaña de alto risco”.
Neste contexto, o Grupo Municipal Socialista presentou novamente unha moción, nesta ocasión centrada “na necesidade de avanzar na planificación, instalación e posta en marcha dunha rede eficaz de hidrantes en todas as parroquias do municipio, así como na revisión global das medidas de prevención e defensa”.
Din que a iniciativa pon o foco na necesidade de “garantir elementos esenciais como a limpeza das faixas secundarias de xestión da biomasa, o estado das pistas de acceso a puntos estratéxicos, especialmente instalacións críticas como as ETAP, así como a revisión das liñas eléctricas e centros de transformación, elementos fundamentais na propagación e control dos incendios forestais”.
O Grupo Socialista subliña tamén que “a prevención non pode basearse en actuacións puntuais nin en comunicacións illadas, senón nun sistema continuo de planificación, execución e avaliación que permita coñecer con rigor o estado real de preparación do municipio”. Por iso, insisten “na necesidade de dispoñer dun documento actualizado e realista sobre o grao de cumprimento do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra Incendios, traballado ao longo de todo o ano e non de maneira reactiva ou estacional”.
Pola súa banda recordar tamén que o Concello activou os días pasados unha serie de iniciativas para combater os lumes forestais no termo municipal, por exemplo un incremento nos labores de disuasión de posíbeis incendiarios (coa Policía Local) ou o incremento dos efectivos que integran as brigadas.



