O PSdG celebra a aprobación no Congreso do traspaso da AP-9

16 Xuño 2026

“Hoxe é un gran día, un día de alegría para Galicia polo que levamos traballando moito tempo”. A deputada socialista Patricia Otero celebrou así a aprobación este martes 16 de xuño, na Comisión de Transportes do Congreso, do ditame da Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico (a AP-9) á comunidade autónoma, un texto saíu adiante malia o voto en contra do PP e de Vox, sinalou.

Otero felicitouse, na súa intervención en defensa do traspaso, por un acordo “froito do consenso e dun gran traballo entre tres grupos” para conseguir que Galicia sexa “dunha vez” a titular da AP-9. De feito, valorou que “con diálogo e busca de consenso conséguense máis cousas, que neste caso son boas para a comunidade”.

Criticou ao mesmo tempo ao PP porque, segundo dixo, “en Galicia di que quere que a autoestrada sexa galega, pero en Madrid vota en contra”. Pola contra, defendeu que o pacto respecta “o espírito e a vontade expresada polo Parlamento de Galicia”. Amais, afirmou que “no texto acordado queda clara a responsabilidade de cada Administración e que será o Estado o que asuma as consecuencias que se deriven de asuntos relacionados co seu período de titularidade da infraestrutura”.

“Hai que ter moita cara para dicir que traballan por conseguir a transferencia e despois votar en contra”, recriminou ao PP, engadindo que “cando o PP gobernaba, cun presidente galego e cunha presidenta do Congreso que galega, o partido chegou a bloquear ata en dúas ocasións a toma en consideración da lei orgánica para a transferencia”.

Patricia Otero asegurou que o PP ten “unha débeda coa cidadanía galega despois de que Aznar, no ano 2000, decidise estender a concesión da autoestrada ata o 2048 e, curiosamente, privatizala en 2003, só tres anos despois”.

Para a deputada socialista, aquela prórroga “hipotecou a Galicia” e “hoxe os galegos e galegas seguimos pagando as consecuencias”, dixo.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

“O respecto cara aos servidores públicos” – José Manuel Pena

Un gobernante é un servidor público e como tal se merece o respecto necesario, con independencia do partido ao que pertenza ou teña a ideoloxía que teña. O que non pode ser é que o alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, con máis de tres décadas no cargo como...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.