O Concello do Porto do Son, a través do apoio do Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia, traballa na adquisición dun inmóbel na rúa Felipe III nº 26, para a súa posterior rehabilitación para destinalo a servizos básicos municipais
O alcalde, Luis Oujo, asinou coa conselleira de Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, un acordo específico para o financiamento da adquisición de dito inmóbel, que se atopa en situación de abandono. Neste acto de sinatura tamén estivo a directora territorial da Consellería, Begoña Freire

Na reunión, o alcalde explicou que están en estudo de varios posíbeis usos do edificio pero “que a opción que colle máis corpo é a de musealizar a zona destinada antigamente á salgadura e habilitar un albergue turístico na parte que estaba dedicada a vivenda”.
O edificio albergaba unha antiga planta de salgadura, que ademais contén unha zona de vivenda, outra de almacén e pías e varias galerías

Este acordo trátase da concesión dun préstamo, sen xuros, de 201.560 €, proporcionado polo Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes. O convenio, firmado en San Caetano no marco deste fondo, cubre a necesidade de financiamento do Concello para facer fronte a adquisición do citado edificio e poder así inscribir a vivenda ao seu nome e destinalo a servizos básicos municipais
Esta intervención desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo máis de 3 millóns de euros. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos
Este préstamo ao Concello do Porto do Son correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.
No marco da firma do acordo, rexedor e conselleira mantiveron unha reunión de traballo, na que Oujo e Allegue abordaron actuacións en materia de infraestruturas, de interese para o municipio.



