O Concello de Noia vén de finalizar as obras de renovación das redes de saneamento e pavimentación nas rúas Brasil e Lorenzo de Armada, unha actuación que, segundo fixo saber o Goberno local, “supón un paso máis na modernización das infraestruturas municipais e na mellora da rede de saneamento da vila”.

Explica o Concello que o proxecto de renovación do saneamento contaba cun orzamento inicial próximo aos 90.000 euros, “porén, a execución dos traballos mediante operarios municipais permitiu reducir o custo ata os 45.000 euros, o que supón un aforro de aproximadamente 45.000 euros para as arcas municipais, practicamente un 50 % menos do previsto inicialmente”.
Os traballos consistiron na execución dunha rede separativa de augas fecais e pluviais, unha actuación estratéxica para resolver parcialmente un dos principais problemas que viña sufrindo o bombeo de San Lázaro. Ata o de agora, ao tratarse dunha rede unitaria, as intensas precipitacións incrementaban de xeito notábel o caudal que chegaba ao bombeo, provocando avarías e comprometendo o correcto funcionamento da instalación.
“Coa nova rede separativa”, engade o Concello, “as augas pluviais deixarán de incorporarse ao sistema de saneamento, evitando a súa condución ata a estación de bombeo e contribuíndo a un funcionamento máis eficiente da infraestrutura”. Deste xeito, “redúcese o risco de incidencias, diminúen os custos de mantemento e mellórase o rendemento da rede”.
A maiores, aproveitando a actuación, levouse a cabo a pavimentación completa das rúas Brasil e Lorenzo de Armada, cun investimento adicional de 40.000 euros, financiado a través do Plan Único da Deputación da Coruña.
O concelleiro de Obras e tenente de alcalde, Manolo Seijas, destacou que “esta actuación é un exemplo de como unha boa planificación e a implicación do persoal municipal permiten facer máis con menos recursos. Conseguimos resolver un problema estrutural do saneamento, mellorar o estado da vía e aforrar preto de 45.000 euros de diñeiro público, que poderá destinarse a outras necesidades do municipio”.
Seijas engadiu que “seguimos priorizando actuacións que non sempre son visíbeis, pero que resultan fundamentais para garantir un servizo de saneamento máis eficiente e reducir as incidencias que durante anos sufriron distintos puntos da rede municipal”.
Pola súa banda, o alcalde de Noia, Francisco Pérez, sinalou que “o Goberno municipal mantén o seu compromiso de continuar investindo na renovación das infraestruturas básicas do municipio, tanto no saneamento como na mellora dos viarias. Estas actuacións permiten ofrecer mellores servizos á veciñanza, optimizar os recursos públicos e preparar Noia para o futuro con infraestruturas máis modernas e eficientes”.
Con esta intervención, o Concello de Noia avanza no seu plan de mellora da rede municipal de saneamento, apostando pola separación das augas pluviais e fecais como unha medida clave para aumentar a eficiencia das instalacións, reducir avarías e mellorar a protección ambiental, ao tempo que continúa renovando o firme das rúas para incrementar a seguridade e a calidade dos espazos públicos.



