
O Concello de Boiro adhírese ao convenio asinado entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para a coordinación de actuacións no desenvolvemento do Programa Galego de Vixilancia e Control fronte á Avespa Asiática para o 2026.
O obxectivo deste programa, que se puxo en marcha no ano 2014 ante a problemática xerada polo avance da avespa asiática, é “minimizar a incidencia que ten esta especie sobre as producións apícolas e sobre a seguridade cidadá”.
A iniciativa inclúe sobre todo actividades relacionadas coa detección precoz de niños mediante avisos ao 012 e 112 para a súa eliminación ou neutralización.
Deste xeito, os concellos adheridos teñen a disposición un sistema de avisos que se canalizarán polas chamadas recibidas ao 012 para eliminar ou neutralizar os niños comunicados nos distintos concellos cun tempo de resolución dun máximo de cinco días hábiles.



