O COAG Santiago recoñece cos Premios Próximos once obras de Outes, Ribeira, Rianxo, Teo e Santiago

07 Xuño 2026

A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebrou este sábado 6 de xuño a entrega de diplomas da segunda edición dos Premios Próximos nun acto celebrado no Teatro Principal de Santiago que contou con preto de 200 asistentes.

Premiáronse obras de Outes, Ribeira, Rianxo, Teo e Santiago.

No evento interviñeron o decano do Colexio de Arquitectos de Galicia, Luciano Alfaya; o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo da Xunta de Galicia, Heriberto García; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; e o presidente do COAG Santiago, Ángel Cid. Ademais, o acto contou coa asistencia de diversos representantes dos municipios que teñen obra premiada e outros representantes institucionais. A gala, presentada pola xornalista Carmen Novás, contou coa actuación da cantante Guadi Galego, que estivo acompañada pola chelista Margarida Mariño.

Ángel Cid destacou que este certame pon en valor as capacidades colectivas dos arquitectos e arquitectas e de todos os profesionais que participan nos procesos construtivos, asegurando que os premios “non son unha competición na que se resalta o valor icónico dunha obra, senón unha mostra significativa do que se está a facer para trasladalo á sociedade como resultado dun esforzo colectivo”.

O presidente dos arquitectos composteláns felicitou aos dez estudios de arquitectura premiados con once traballos que son unha mostra “sólida e irrefutábel da calidade da arquitectura” que nestes momentos se está a desenvolver no noso territorio máis próximo.

Pola súa parte, Luciano Alfaya apuntou que a magnífica arquitectura premiada vai moito máis alá da calidade do deseño, da construción e do proceso de execución da cada unha das obras. “Premiamos unha arquitectura con compromiso coa cidade, coas persoas e co planeta, xa que non hai outra maneira de facer arquitectura”, asegurou.

Estes galardóns recoñecen obras e proxectos de arquitectos, promotores e outros axentes realizados na demarcación colexial, onde se engloban 32 concellos do sur da provincia da Coruña, é dicir, municipios das áreas de Compostela e Barbanza. Un total de 40 propostas presentáronse a esta convocatoria dos premios, das cales o xurado, composto polos arquitectos Sergio Sebastián Franco, Cristina García Fontán e Ricardo Sánchez Lampreave, elixiu finalmente 11 obras gañadoras.

Os membros do xurado destacaron o alto nivel das propostas presentadas, que atesouran grandes doses de arquitectura de calidade. “A variedade dos programas presentados, dos tipos de intervención requiridos e das localizacións e os seus contextos, máis aló de dificultar a elección, volveron a demostrar a solvencia e a versatilidade da arquitectura para satisfacer as puxantes necesidades dunha sociedade enfrontada ao futuro desde a súa historia e a súa tradición”, explica o xurado.

Os II Premios Próximos 2026 estiveron patrocinados por cinco empresas que conforman en palabras do COAG o mellor do sector da construción en Galicia: ALUMAN, FINSA, Paudepedra, Grupo Rodiñas e Tejas Verea.

II Premiados “Próximos”

Rehabilitación de inmóbel con destino hoteleiro en Santiago

Rúa Campo Cruceiro Gaio nº 7, Santiago de Compostela

Elizabeth Abalo Díaz | Gonzalo Alonso Núñez

Nesta obra destaca a sensibilidade coa que a intervención adapta un inmóbel histórico a un novo uso hoteleiro, integrando as novas necesidades funcionais dende unha arquitectura serena e precisa. A actuación constrúe unha atmosfera cálida onde o contemporáneo convive con naturalidade coas preexistencias, recuperando ademais a relación cos espazos axardinados do bordo da Alameda como lugares de estancia e contemplación da paisaxe urbana.

Casa 2M e Medio en Santiago

Rúa Algalia de Arriba nº 32, Santiago de Compostela

Álvaro Marín Durán | Alfonso Castro Lorenzo | Dosesmas Arquitectos, S.C.P.

O xurado valora a intelixencia coa que o proxecto resolve un espazo de dimensións extremadamente reducidas, construíndo unha vivenda flexíbel, aberta e chea de continuidade espacial. A intervención demostra ademais unha destacada vixencia, tanto pola claridade das súas decisións arquitectónicas como polo seu xeito de reinterpretar o patrimonio doméstico do centro histórico dende unha mirada contemporánea, precisa e contida.

Restauración das cubertas do templo: nave principal e cruceiro (Catedral de Santiago)

Praza do Obradoiro nº 3, Santiago de Compostela

Juan Orozco Corredoira | Iago Seara Morales

A obra aborda a mestría da restauración arquitectónica en toda a súa amplitude: un minucioso estudo e análise previa, a precisión das solucións técnicas requiridas nos labores conservativos do ben, e finalmente a consideración natural do carácter monumental da actuación, que devén na transformación dunha digna cobertura nun novo espazo para a cidade de Santiago.

Restauración do pavillón historicista e o muro perimetral de San Martiño Pinario en Santiago

Praza da Inmaculada nº 5, Santiago de Compostela

Iago Seara Morales | Juan Orozco Corredoira

O xurado valora a capacidade de recuperar e manter o espírito e os valores construtivos e espaciais orixinais desde o proxecto de restauración, dando continuidade ao uso orixinal do espazo coa incorporación dunha contemporaneidade discreta e atenta a este singular pavillón expositivo do século XIX.

Centro de hidroterapia en Outes

Lugar Albeida 15063A0-9900082, Outes

Alfonso Salgado Suárez | Francisco Xabier Liñares Túñez | Salgado e Liñares, S.L.P.

A obra situada nun conxunto preexistente, completa o complexo dende unha intervención precisa e integrada. Destaca a delicadeza no uso da madeira e a pedra, así como a recuperación da relación coa auga e a paisaxe a través dunha atmosfera serena e profundamente vencellada ao lugar.

Edificio para 34 vivendas, prazas de garaxe e trasteiros en Santiago

Travesía Poza M14.2 0, Santiago de Compostela

Manuel Carbajo Capeáns | Celso Barrios Ceide | Carbajo y Barrios Arquitectos Asociados, S.L.P.

A vivenda colectiva ha de ser un dos grandes e permanentes retos da arquitectura. O proxecto reúne unha interesante secuencia tipolóxica exposta como límite e bordo dunha complexa contorna física, logrando a aparente sinxeleza dunha coherencia visual unitaria.

Apeadeiro de Ribeira

Avenida do Malecón, Ribeira

Santiago Rey Conde | Ismael Ameneiros Rodríguez

O xurado valora a competencia da arquitectura para enfrontarse a un programa sinxelo coa ambición de que a súa singular poética mellore tamén a contorna inmediata. Merecen ser destacados o interese por atenuar a ruidosa paisaxe industrial posterior e a elección do formigón armado para asegurar a durabilidade.

Oficinas dos Servizos Centrais FINSA en Santiago

Estrada N-550 km 57, Formarís s/n, Santiago de Compostela,

Juan Antonio Varela García | María del Carmen Escorihuela Vitales | Miguel Alonso Flamarique | Roberto Erviti Machín | MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, S.L.P.

A obra materializa a posibilidade de recuperar e transformar un complexo industrial desde o ámbito disciplinar da arquitectura, recorrendo á estrutura e á construción como claves formativas e determinantes do proxecto. O uso e a experimentación da madeira esténdese á creación dun ambiente espacial confortábel e comprometido co medio e o usuario.

Rehabilitación do Pazo do Martelo de Rianxo

Rianxo, A Coruña

Sandra González Álvarez

A intervención destaca pola complexidade técnica de reverter actuacións incompatíbeis realizadas sobre un edificio BIC, recuperando a lóxica construtiva orixinal dende criterios de sustentabilidade e circularidade. Valórase especialmente a sobriedade material do proxecto e o protagonismo da madeira na construción dunha atmosfera interior cálida e contemporánea, resolvendo con sensibilidade a adaptación do pazo a un novo uso público e cultural.

Escola infantil de Cacheiras (Teo)

CP-8202, 11, 15883, A Igrexa, Teo

Óscar Andrés Quintela | Iván Andrés Quintela | Arrokabe, S.L.P.

Destaca na obra presentada a capacidade da arquitectura para responder con mesura e eficacia a un encargo discreto. Como “o pequeno é fermoso”, o xurado destaca a adaptación do edificio ás actuais esixencias medioambientais e a reordenación da contorna patrimonial favorecendo a súa peonalización.

Polo Gaiás AMTEGA

Cidade da Cultura, Monte Gaiás s/n, Santiago de Compostela

Alberte Pérez Rodríguez | Enrique Iglesias Lima | Carlos Mosquera del Palacio | Tres Pensando, Escoitando e Solucionando, S.L.P.

Proxectar na Cidade da Cultura esixe medir a distancia a interpoñer entre os edificios construídos e o proposto. O dinamismo requirido, propio destes centros que pretenden fomentar a actividade empresarial, está resolto con asépticos espazos que, sendo desmontábeis, permiten con facilidade acoutar o traballo para compartir ou reservar.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...