A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Rosana Pérez, trasladou en comisión parlamentaria a preocupación existente pola paralización das obras de humanización da estrada AC-305 ao seu paso pola parroquia de Palmeira, no concello de Ribeira. Fíxoo a través dunha pregunta formulada na Comisión 2a, coa que demandou explicacións claras sobre a situación actual dunha actuación considerada estratéxica para a seguridade viaria e a humanización do espazo urbano. Lembrou que o proxecto, cun investimento próximo aos tres millóns de euros, contempla a transformación integral da travesía urbana para a dotación de beirarrúas máis amplas, creación de zonas verdes que propicien a mellora das condicións de mobilidade e seguridade na principal vía de comunicación da parroquia. Tamén recordou que as obras deberían estar rematadas no verán de 2026.

Porén, dixo, “en marzo deste ano, as obras paralizábanse definitivamente debido a unha situación que a Consellaría de Infraestruturas cualificou como un problema puntual, sen ofrecer explicacións detalladas nin información transparente sobre as causas reais que provocaron a interrupción dos traballos nin sobre os prazos previstos para a súa reanudación”.
Rosana Pérez lembrou que “o BNG tivo a oportunidade de preguntar por todas estas cuestións aos representantes do Partido Popular no Parlamento de Galiza o pasado mes, momento no que aseguraron que os traballos se reanudarían a comezos da semana seguinte”. Malia isto, apuntou, “case tres semanas despois comprobamos que a realidade é ben distinta e que a parálise das obras continúa instalada en Palmeira, pese os anuncios realizados a bombo e prato polos dirixentes do PP”, sinalou a deputada nacionalista.

Atraso até novembro de 2026
A todas estas cuestións respondeu María Deza, directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), organismo encargado de xestionar a nosa rede de estradas, quen afirmou que a vindeira semana oito operarios da nova empresa adxudicataria comezarán a traballar na travesía de Palmeira para acelerar as obras e permitir que quede rematada durante o outono. “Trátase dun anuncio que para nós chega tarde e que evidencia que a paralización non respondía a un simple contratempo puntual, como viña sostendo a Xunta”, sinalou Rosana Pérez, engadindo que “a paralización está a provocar un crecente malestar entre a veciñanza, os comercios e as persoas usuarias da estrada, debido á consecuente ralentización da circulación e de saturación do tráfico nunha vía fundamental para a mobilidade da comarca”. A situación, apuntou, “resulta especialmente preocupante ás portas da tempada estival, cando o volume de
tráfico aumenta de xeito considerábel”. E engadiu: “Entre as obras do carril bici, a situación da travesía e a chegada das festas e do consecuente incremento de visitantes durante o verán, Palmeira vai sufrir unha presión importante. A veciñanza, os negocios e as persoas que transitan diariamente pola zona van ter que seguir soportando molestias derivadas dunha actuación inacabada”.
Pola súa banda, o voceiro e exalcalde Luís Pérez lembrou tamén que “a travesía afectada supera o quilómetro de lonxitude e atravesa unha zona densamente habitada, con numerosos establecementos comerciais que están a sufrir as consecuencias da demora”. Por iso, reclamou “celeridade e responsabilidade á Xunta para retomar as obras de inmediato” e esixiu “prazos concretos e compromisos firmes para a finalización definitiva dos traballos”.
Pola súa banda, a deputada nacionalista, Rosana Pérez, instou á Consellaría de Planificación de Infraestruturas a asumir as súas responsabilidades e adoptar con urxencia as medidas necesarias para resolver os problemas existentes e axilizar a execución da obra. A formación galega considera igualmente “imprescindíbel” que a cidadanía de Palmeira coñeza de primeira man as causas da paralización e as medidas previstas para garantir o cumprimento dos novos prazos.“Estamos unha vez máis ante un exemplo da falta de transparencia coa que actúan tanto a administración autonómica como a local, ambas gobernadas polo Partido Popular. A veciñanza debe ter garantido o seu dereito a recibir información clara e actualizada sobre unha actuación que afecta directamente á súa vida cotiá”, concluíu Rosana Pérez.



