
Noia será sede da Universidade de Verán da USC os días 29 e 30 de xuño. Serao coa celebración do curso Xenes, ambiente, saúde e cinema. Enfoque One Health da OMS, unha iniciativa que reunirá a destacados investigadores e especialistas para analizar a relación entre a saúde, o medio ambiente e o cambio climático.
Entre os relatorios destacan as intervencións de Ángel Carracedo e Rosa María Crujeiras, xunto a outros expertos de universidades e centros de investigación de referencia.
O curso celebrarase entre o IES Virxe do Mar e o Coliseo Noela, onde o 30 de xuño ás 16:30 h terá lugar a representación de ClimantArt, o musical, aberta a todo o público.
As inscricións xa están abertas a través do código QR do cartel. As prazas son limitadas, polo que se recomenda formalizar a inscrición canto antes.
O curso
O Concello de Noia e o IES Virxe do Mar coorganizan un curso da Universidade de Verán da USC no marco do proxecto europeo EduCO2Health, liderado polo doutor Ángel Carracedo, director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica. Desenvolverase este mes de xuño, baixo o epígrafe Xenes, ambiente e saúde: o cinema baixo o enfoque One Health (OMS), os días 29 e 30 de xuño no Coliseo Noela de Noia.
O Concello explica que este curso ofrece unha aproximación innovadora á saúde global a través do enfoque One Health, que entende a saúde humana, animal e ambiental como realidades interconectadas.
Ao longo das sesións abordaranse cuestións de gran actualidade, como o impacto do ambiente e do cambio climático na saúde, as interaccións xene-ambiente nas patoloxías humanas, a influencia dos factores ambientais na expresión xenética, os retos actuais analizados desde a perspectiva One Health, e o papel da ciencia e da comunicación na comprensión destes desafíos.
Un dos aspectos máis singulares do curso será o uso do cinema como ferramenta de divulgación e reflexión, favorecendo unha visión crítica e interdisciplinar sobre os problemas de saúde global. Ademais, as dúas últimas actividades incluirán a estrea do documental realizado coa participación do alumnado do IES Virxe do Mar e unha obra de teatro musical preparada polo alumnado do centro.
O curso está dirixido a estudantes universitarios/as, profesionais da saúde, investigadores/as, docentes e a todas as persoas interesadas na relación entre ciencia, saúde e sociedade.

Toda a información da actividade formativa e a posibilidade de realizar a inscrición, na web da USC.
Musical ecolóxico ClimantArt
O vindeiro 30 de xuño, ás 16.30 horas, o Coliseo Noela de Noia acollerá a estrea de ClimantArt, un musical creado polo alumnado do IES Virxe do Mar de Noia que nos convida a reflexionar sobre o cambio climático e os retos ambientais do noso tempo.
A obra mestura a arte e a ciencia para concienciar sobre os retos do medio ambiente e o turismo respectuoso cos recursos naturais.
Esta representación servirá ademais como acto de peche da Escola de Verán da USC, que este ano se celebrará en Noia e que aínda conta con inscricións abertas.
En palabras do Concello, trátase “dunha proposta artística e educativa que non nos deixará indiferente”.
Podemos reservar a nosa praza escaneando o código QR do cartel.
A iniciativa xorde do traballo desenvolvido desde xaneiro polo equipo Erasmus do dito IES, que foi dando forma a esta produción xunto ao grupo de teatro de Climántica, coordinado polo enxeñeiro Francisco Rodríguez Crujeiras.



