A Virxe de Guadalupe de Asorey volverá a Tanxil con todo o seu esplendor recuperado

04 Xuño 2026

Aproveitando o impulso que están a coller os traballos para restaurar e acondicionar o paseo e a contorna de Tanxil, o alcalde de Rianxo compartiu detalles sobre outro proxecto de recuperación relacionado estreitamente con Tanxil: a restauración da escultura da Virxe de Guadalupe de Francisco Asorey, tradicionalmente emprazada no dito areal rianxeiro e hoxe obxecto de traballos dirixidos a recuperar o seu esplendor.

Entre os elementos que se están a recuperar atópanse os seus relevantes motivos decorativos, recuperados no marco da intervención: azulexos vidrados con motivos florais e xeométricos que foron fabricados no seu día na Cerámica Celta de Pontecesures.

A peza está formada por dous corpos, un de 1,75 metros e o outro de 1,15 metros, o que dá unha altura total de case 3 metros.

ara esta importante actuación, o Concello e pobo de Rianxo conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia.

“Así que rematen os traballos de restitución do camiño que une as praias de Tanxil e Quenxo, a escultura volverá para o seu sitio”, confirmou o rexedor.

A restitución da figura encádrase no acordo asinado polo Concello coa familia Baltar (propietaria do pazo que preside Tanxil) para que un dos símbolos máis queridos pola veciñanza, a escultura da Virxe de Guadalupe do escultor galego Francisco Asorey, volva á súa localización orixinal na praia de Tanxil.

Deste xeito, a escultura regresará cando se cumpren 20 anos do momento no que foi retirada do cantil.

Recentemente o alcalde Julián Bustelo mostrou o seu agradecemento á familia Baltar “a vontade de acadar este acordo, algo no que levamos tempo traballando e que por fin é unha realidade”.

Respecto da escultura en si, na web Obaixoulla.gal sinálase que é unha figura de granito duns cinco metros de altura, obra do escultor Francisco Asorey, colocada nun espigón sobre o dique de Baltar na praia de Tanxil en 1932.

En 2005, os herdeiros Baltar decidiron retirar a imaxe de Asorey ante o risco que corría polos continuos derrubes que se rexistraban na contorna. Logo da retirada da virxe de Asorey, as veciñas e veciños de Rianxo financiaron a colocación doutra imaxe, obra de Bert Gerresheim, nun muro na praia de Quenxo.

A imaxe de Asorey é unha representación da virxe sostendo ao neno cos brazos en cruz, fronte ao mar. Está decorada con pezas da Cerámica Celta de Cesures incrustadas no manto da virxe. Foi quen encargou a imaxe da Virxe da Guadalupe e quixo que “a dulce imaxe da virxen patrona da vila se alzase como orientación consoladora para a xente do mar” (fonte: Obaixoulla.gal).

Outros artigos

En Rianxo abren as inscricións do Campamento de Teatro Verán 2026

O Concello de Rianxo informou de que están abertas as inscricións para o Campamento de Teatro Verán 2026, que inclúe unha manchea de actividades formativas e de lecer para permitir ás mozas e mozos "desfrutar dun verán diferente" ao tempo que desenvolven e sacan á luz...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ofrenda” – Xulio Xiz

“Ofrenda” – Xulio Xiz

Celebrouse unha nova Ofrenda solemne do Antigo Reino de Galicia a Xesús Sacramentado na Catedral de Lugo. Cumpríronse 357 anos da súa institución, e cada ano as sete cidades do antigo Reino, seguen a xuntarse en Lugo – corazón do país – para honrar ao Santísimo e...