O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, confirmou que xa foron iniciadas as obras para recuperar o paseo entre a praia de Tanxil e a praia de Quenxo, “uns traballos que inclúen a restitución do treito que no seu día desapareceu a consecuencia do desprendemento de parte do cantil”.
Nesta situación, indicou, “xa está cada vez máis preto o intre no que a escultura da Virxe da Guadalupe de Francisco Asorei estea de volta no seu sitio”.

“Con esa finalidade traballamos intensamente nestes últimos meses”, informou, engadindo que nas vindeiras semanas “iremos relatando o proceso de restauración da escultura da Virxe de Guadalupe, unha actuación para o que contamos coa axuda da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia”.

A restitución da figura encádrase no acordo asinado polo Concello coa familia Baltar para “que un dos símbolos máis queridos pola veciñanza, a escultura da Virxe de Guadalupe do escultor galego Francisco Asorey, volva á súa localización orixinal na praia de Tanxil”, informou o alcalde, que celebrou que a escultura regrese cando se cumpren 20 anos do momento no que foi retirada do cantil. Tamén mostrou o seu agradecemento á familia Baltar “a vontade de acadar este acordo, algo no que levamos tempo traballando e que por fin é unha realidade”.

Respecto da escultura en si, na web Obaixoulla.gal sinálase que é unha figura de granito duns cinco metros de altura, obra do escultor Francisco Asorey, colocada nun espigón sobre o dique de Baltar na praia de Tanxil en 1932.
En 2005, os herdeiros Baltar decidiron retirar a imaxe de Asorey ante o risco que corría polos continuos derrubes que se rexistraban na contorna. Logo da retirada da virxe de Asorey, as veciñas e veciños de Rianxo financiaron a colocación doutra imaxe, obra de Bert Gerresheim, nun muro na praia de Quenxo.
A imaxe de Asorey é unha representación da virxe sostendo ao neno cos brazos en cruz, fronte ao mar. Está decorada con pezas da Cerámica Celta de Cesures incrustadas no manto da virxe. Foi quen encargou a imaxe da Virxe da Guadalupe e quixo que “a dulce imaxe da virxen patrona da vila se alzase como orientación consoladora para a xente do mar” (fonte: Obaixoulla.gal).



