Abordar retos territoriais e ambientais de Galicia é o obxectivo que teñen entre mans a Fundación RIA máis a Universidade de Santiago de Compostela (USC), pois ambas entidades manteñen unha relación continuada en iniciativas de investigación, formación e transferencia de coñecemento, que ten no Laboratorio Ecosocial do Barbanza un dos seus exemplos máis salientábeis.
Ao fío desta liña, a reitora da USC, a ribeirense Rosa M. Crujeiras Casais, visitaba o pasado venres, 12 de xuño, a Casa RIA por primeira vez desde o seu nomeamento, coincidindo coa estadía en Galicia dun grupo de estudantes de arquitectura da Yale University que participa nun programa académico impulsado pola Fundación RIA. Engadir que a reitora estivo acompañada por: David Chipperfield, presidente da Fundación RIA e o seu equipo, Almudena Hospido Quintana, vicerreitora de Investigación e Ciencia Aberta e Marcelo Maneiro Maneiro, vicerreitor de Innovación e Transferencia do Coñecemento. Neste contexto os representantes da USC tiveron ocasión de coñecer o traballo desenvolvido durante estas semanas polo grupo de estudantes da Yale University, que participa nunha estadía académica centrada nos retos territoriais das Fragas do Eume. O programa forma parte dunha colaboración de tres anos entre a Fundación RIA e a Yale University para promover novos xeitos de aprendizaxe aplicada vinculadas ao territorio galego.

Alén disto, o encontro tamén se aproveitou para compartir experiencias de colaboración entre a USC e a Fundación RIA arredor de retos territoriais e ambientais de Galicia, sen esquecer o importante papel do Laboratorio Ecosocial do Barbanza.
Impulsado pola Fundación RIA xunto co grupo de investigación Histagra da USC, dirixido por Lourenzo Fernández Prieto, o Laboratorio Ecosocial do Barbanza traballa desde 2020 coas comunidades de montes veciñais da comarca para promover modelos de xestión territorial máis sostíbeis e resilientes. Ao longo destes anos foi ampliando paseniño a súa rede de colaboración, achegando novas comunidades, universidades, administracións públicas e entidades sociais e científicas. Esta alianza permitiu consolidar un modelo innovador de xestión territorial que integra investigación científica, asesoramento técnico, formación innovación social e participación comunitaria para afrontar desafíos como os incendios forestais, o abandono rural, a perda de biodiversidade ou a adaptación ao cambio climático. O seu percorrido permitiu obter máis de dous millóns de euros en financiamento europeo e foi recoñecido polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) como unha das experiencias de referencia no eido da transición ecosocial e da gobernanza territorial.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza exemplifica unha maneira de traballo baseada na colaboración entre ciencia, comunidade e acción territorial. A investigación académica compleméntase coa experiencia das comunidades locais e coa participación de administracións e entidades colaboradoras para desenvolver solucións aplicadas a desafíos concretos do territorio. Este enfoque busca converter o coñecemento nunha ferramenta útil para a toma de decisións e para o desenvolvemento de proxectos con impacto real.
Asemade, neste encontro abordouse o papel que universidades e entidades independentes poden desempeñar na xeración de novos espazos de colaboración entre ciencia e sociedade. Tanto a USC como a Fundación RIA comparten a vontade de promover modelos de investigación aplicada capaces de conectar coñecemento académico, participación cidadá e acción territorial, favorecendo procesos de innovación que respondan aos desafíos sociais e ambientais contemporáneos.
Por último, sinalar que a visita do pasado venres 12 enmárcase nunha rolda de encontros que a reitora está a desenvolver con entidades e empresas do sector social e produtivo da contorna para establecer canles de comunicación permanentes que abran futuras vías de colaboración para o estudantado e o persoal investigador. Outro exemplo foi a visita que levou a cabo a pasada semana a Boiro, para visitar Jealsa, onde coñeceu de primeira man o traballo que esta conserveira galega, unha das empresas líderes no seu sector en Europa, realiza dende hai case sete décadas. Alí foi recibida polo seu presidente, Jesús Alonso; o representante da Dirección Xeral, Pablo Alonso; o director de Compras, Odilo Romero, e a directora de Relacións Institucionais, Margarita Hermo.




