A doutora Sonia Eiras recibe o VII Premio Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía e anuncia a creación dun grupo multidisciplinar para acelerar a investigación

08 Xuño 2026

A investigadora e doutora Sonia Eiras Penas foi distinguida este luns 8 de xullo co VII Premio Internacional Ramiro Carregal de Investigación en Cardioloxía “Enfermidades Valvulares Cardíacas” polo seu proxecto centrado no estudo da graxa epicárdica inflamada e o seu impacto na enfermidade cardiovascular. O galardón, dotado con 30.000 euros e unha peza acreditativa, foi entregado polo empresario e mecenas Ramiro Carregal nun acto celebrado no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela.

A investigación premiada busca afondar no coñecemento dos factores que favorecen a acumulación de graxa epicárdica inflamada arredor do corazón, co obxectivo de desenvolver métodos diagnósticos sinxelos e accesibles que permitan a súa detección precoz e deseñar novas estratexias de prevención e tratamento.

Durante a súa intervención, Sonia Eiras anunciou a creación dun equipo multidisciplinar que integrará profesionais da investigación básica, translacional e clínica, así como especialistas de atención primaria, endocrinoloxía, cardioloxía, cirurxía cardíaca, histoloxía, anatomía patolóxica e intelixencia artificial. O proxecto contará coa participación de investigadores da Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), do Sergas, do CIBERCV e da Universidade de Santiago de Compostela, entre outras entidades.

“Este traballo é froito dun equipo entusiasta e multidisciplinar que integra investigadores básicos, translacionais e clínicos. Esta colaboración permite acelerar o desenvolvemento de estratexias orientadas a mellorar a prevención e o tratamento personalizado das enfermidades cardiovasculares”, destacou a investigadora.

A gala reuniu a destacadas autoridades institucionais e sanitarias, entre elas o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín; o novo xerente do Sergas, Luis León Mateos; o presidente de honra do xurado, José Ramón González Juanatey; a xefa do Servizo de Cardioloxía do CHUS, Pilar Mazón; e o xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza e presidente da Fundación Galega de Investigación IDIS, Ángel Facio.

Tanto González Juanatey como Mazón puxeron en valor a figura de Ramiro Carregal polo seu compromiso coa investigación biomédica e destacaron a relevancia do traballo desenvolvido pola premiada. Ambos subliñaron tamén a importancia da implicación da sociedade no impulso da investigación e o papel de Galicia e de Santiago de Compostela como referentes científicos a nivel nacional e internacional.

A investigación premiada céntrase no tecido adiposo epicárdico, unha capa de graxa que rodea o corazón e que, cando presenta inflamación, pode contribuír á aparición e progresión de diversas enfermidades cardiovasculares. Segundo explicou Eiras, os avances en técnicas de imaxe médica, análise molecular e ferramentas de intelixencia artificial permiten identificar os pacientes con maior risco cardiovascular asociado a esta condición.

“O obxectivo deste proxecto consiste en comprender mellor os mecanismos que favorecen a acumulación de graxa epicárdica inflamada, desenvolver ferramentas diagnósticas que permitan detectala de maneira temperá e impulsar novas estratexias para a súa prevención e tratamento”, sinalou.

A investigadora tamén destacou o papel do mecenado científico e agradeceu o apoio recibido ao longo da súa carreira profesional. Neste sentido, cualificou a iniciativa promovida por Ramiro Carregal como “un exemplo destacado de apoio á innovación e ao desenvolvemento de proxectos científicos orientados a mellorar a saúde cardiovascular e a calidade de vida da sociedade”.

Coa constitución deste novo grupo multidisciplinar, o equipo liderado por Sonia Eiras aspira a acelerar a transferencia do coñecemento científico á práctica clínica e a desenvolver solucións innovadoras que contribúan a mellorar a prevención e o tratamento das enfermidades cardiovasculares.

Outros artigos

“El que se pica…, ajos come”. José Fernández Lago

A la luz de lo que se escucha estos días a nuestro alrededor, he estado dudando en mantener ese título en mi artículo, o sustituirlo por otro como que “El poder corrompe”. Existen dichos que hemos recibido de nuestros antepasados, y que no podemos aplicarlos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.