O prazo de inscrición para participar nas actividades organizadas polo Consorcio de Santiago con motivo da Semana da Administración Aberta remata este luns 18 de maio. Baixo o lema “Ven e coñécenos!”, o programa desenvolverase do martes 19 ao venres 22 de maio e ofrece unha serie de propostas gratuítas destinadas a achegar a cidadanía ao funcionamento da administración e ás actuacións do Consorcio en materia de conservación do patrimonio, rehabilitación arquitectónica e promoción cultural.

Ao longo destes catro días, as persoas inscritas poderán visitar espazos de especial interese patrimonial e cultural e coñecer proxectos emblemáticos do Consorcio, como a restauración dos retablos da Igrexa das Ánimas, a intervención prevista en Santa María de Conxo e a obra de restauración do hórreo do Parque de Vista Alegre, actualmente en execución. Tamén se abrirán as portas da sede institucional no Pazo de Vaamonde, dando a oportunidade de coñecer a historia do inmoble e a actividade que acolle en la actualidade.
No ámbito musical, o programa inclúe a asistencia a ensaios da Real Filharmonía de Galicia no Auditorio de Galicia e unha visita á Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), ambas xestionadas polo Consorcio, para que o público descubra desde dentro o seu funcionamento.
As prazas son limitadas e require inscrición previa. As reservas poden facerse por teléfono no 981 57 47 00 ou por correo electrónico en prensa@consorciodesantiago.org.
Programa de actividades
- Visita á Igrexa de Santa María de Conxo: martes 19 de maio / 11:00–12:30, Rúa de Sánchez Freire, 128.
- Visita á restauración dos retablos da Igrexa das Ánimas: mércores 20 de maio / 11:00–12:30, Rúa das Casas Reais, s/n.
- Asistencia ao ensaio da Real Filharmonía de Galicia: mércores 20 de maio / 15:30–17:30 e xoves 21 de maio / 10:00–12:00, Auditorio de Galicia, Sala Ángel Brage.
- Apertura da sede do Consorcio de Santiago (Pazo de Vaamonde): xoves 21 de maio / 11:00–12:30, Rúa do Vilar, 59.
- Visita á EAEM e á obra de restauración do hórreo no Parque de Vista Alegre: venres 22 de maio / 11:00–12:30, Rúa de Vista Alegre, 1B.
Contacto e inscrición:
Consorcio de Santiago — Gabinete de Comunicación
Tel.: 981 57 47 00
Correo: prensa@consorciodesantiago.org
Web: https://www.consorciodesantiago.org



