ULA Libraría Social (Outes) acolle este xoves a proxección do documental “Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul”

11 Maio 2026

A libraría social ULA da Serra de Outes vai celebrar o Día das Letras Galegas adicado este ano á escritora viguesa Begoña Caamaño. Farao coa proxección do documental Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul, este xoves 14 de maio ás 20.00 horas. O acto será presentado por Kalim, veciño de Outes e íntimo amigo da autora.

A Real Academia Galega estreou o pasado xoves 9 de abril o audiovisual Begoña Caamaño Caamaño: navegar no pracer do azul, unha obra conmemorativa producida co gallo das Letras Galegas 2026, realizada por Miramemira con Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez na dirección e o guión.

A película propón un percorrido pola vida e o legado da autora á que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio a través dos testemuños de persoas que a acompañaron nas súas diversas facianas persoais e profesionais. Destaca ademais como parte do relato a interpretación artística da súa obra literaria, que ten na colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia un dos esteos.

O documental conecta as dúas cidades en que Begoña Caamaño (1964-2014) viviu reconstruíndo a traxectoria desde a nenez e a mocidade ata á consolidación como xornalista e escritora. Desde o Vigo natal, onde medrou nos barrios do Calvario e Coia e se converteu en xornalista, ata Santiago de Compostela, onde continuou a súa carreira e vida a partir de 1989, cando se incorporou á redacción central da Radio Galega. Nesta cidade escribiría as súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), froito dun debut tardío pero maduro e anovador da escena das letras galegas do momento que segue a ter plena vixencia e interese.

A película documental dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo.

A película contou con múltiples colaboracións. No apartado de material de documentación, alén de imaxes e audios da CSAG, a narración apóiase en fotografías de Mulheres Transgredindo, Mulheres Nacionalistas Galegas, Sonia Díaz, Ra&Ka e os arquivos persoais de Ana Romaní, Maika Aguado e a propia Begoña Caamaño.

Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul realizouse co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...