O Concello de Ribeira celebrou este domingo o tradicional Encontro das Persoas Maiores, unha cita na que se deron cita arredor de 900 comensais no complexo deportivo da Fieiteira, habilitado para a ocasión como salón de eventos. A alcaldesa, María Sampedro, e membros do goberno municipal recibiron ás persoas asistentes antes do xantar.
Durante a súa intervención, a rexedora puxo en valor o papel das persoas maiores na historia do municipio e comprometeuse a seguir traballando para mellorar a calidade de vida da veciñanza. “Ribeira é o municipio que hoxe coñecemos grazas a vós”, sinalou, ao tempo que lle desexou ás xeracións máis novas estar á altura do legado recibido.
Na mesma liña, o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, subliñou que a celebración foi tamén unha homenaxe a toda unha xeración que “levantou Ribeira con esforzo, sacrificio e traballo”. Definiu ás persoas maiores como o xerme da Ribeira traballadora, mariñeira e loitadora que hoxe coñecemos.
Tras as palabras de benvida, servíuse un menú composto por camaróns, cigalas e navalla de primeiro prato, carrilleira ibérica con pataca de segundo, ademais de sobremesa e bebidas variadas. A xornada prolongouse ata a noite coa música de Dani DJ, profesional local.
Antes do xantar celebrouse tamén unha misa solemne na igrexa parroquial de Santa Uxía, cantada pola Coral Polifónica Municipal.




