Remata o programa de alfabetización en IA xenerativa da Deputación da Coruña e o CITIC (con sesións en Ribeira e Muros)

06 Maio 2026

Esta primeira semana de maio remataron as sesións do programa de formación en intelixencia artificial xenerativa impulsado pola Deputación da Coruña coa colaboración do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación) da UDC, tralo desenvolvemento das actividades divulgativas entre febreiro e maio en 20 institutos da provincia. Foi, en palabras do dito centro da Universidade da Coruña, “unha experiencia educativa que non introduciu unha tecnoloxía descoñecida, senón que procurou explicar un uso que xa era habitual”.

O programa percorreu centros de realidades moi distintas: desde institutos urbanos como o IES Agra do Orzán ou o IES Elviña, na cidade da Coruña, ata centros de contornas rurais e costeiras como Muros, Ortigueira, Vimianzo ou Ribeira. Tamén participaron centros de Ferrol, Betanzos, Carballo, Culleredo, Oleiros, Fene, Santiago de Compostela ou Arteixo, onde este mércores 6 de maio tivo lugar a última destas formacións. Unha rede educativa diversa que permitiu levar a formación a practicamente todo o territorio provincial.

Así, o punto de partida do programa non foi a ausencia de contacto coa intelixencia artificial, senón o seu uso estendido entre o alumnado, unha normalización tecnolóxica que, con todo, non sempre ía acompañada de comprensión. “A nosa motivación era chegar directamente ao alumnado para capacitalo no uso axeitado da IA xerativa, con especial énfase nos aspectos éticos e legais. O obxectivo cumpriuse plenamente”, explicou o investigador do CITIC Francisco Bellas, lembrando que con este programa logrouse pasar do uso automático de ferramentas de IA a unha aproximación máis crítica e fundamentada.

Unha das aprendizaxes máis relevantes foi comprobar na aula que a intelixencia artificial non é infalíbel. Así, os modelos xeran respostas coherentes e plausíbeis, “pero non sempre correctas”, e poden cometer erros, omitir información ou reproducir nesgos, sinalou o investigador.

O dito descubrimento tivo un efecto inmediato na percepción do alumnado: a IA deixa de ser unha fonte de autoridade para converterse nunha ferramenta que require contraste e supervisión. O pensamento crítico refórzase como competencia clave, non só para formular mellores preguntas, senón para interpretar mellor as respostas.

Máis alá do funcionamento técnico, o programa puxo o foco nun ámbito onde se detecta un maior descoñecemento: a ética dixital. Protección de datos, autoría de contidos e uso responsábel da información foron os aspectos máis innovadora para o alumnado. Así o explicou a investigadora María Suárez, quen participou en sesións no IES As Insuas de Muros.

Desde o profesorado recoñeceuse que a intelixencia artificial “xa forma parte das dinámicas de estudo de moitos estudantes, mesmo antes de calquera formación específica”, porén, o programa da Deputación co CITIC serviu para “facer visíbel ese uso e dotalo de contexto”, reorganizando polo tanto un escenario xa existente e achegando criterios para o seu uso consciente da IA.

Nesta mesma liña, outro dos investigadores do CITIC que participou no programa, Alejandro Romero, subliñou que a formación non só tivo un impacto técnico, senón tamén formativo en termos de cidadanía dixital. O programa permitiu que o alumnado “pase dun uso intuitivo da intelixencia artificial a un uso consciente, crítico e responsábel”, especialmente en cuestións relacionadas coa privacidade, a autoría e a veracidade da información, explicou.

Desde a Deputación da Coruña, a deputada de Educación e Mocidade, Yoya Neira, subliñou que o programa nace “dunha necesidade clara detectada no alumnado”. Así, dixo, “moitos mozos xa utilizan intelixencia artificial no seu día a día, pero non sempre contan coa formación necesaria para entender como funciona nin para facer un uso crítico e consciente”. Destacou que o obxectivo foi “achegar unha formación rigorosa, práctica e ética sobre intelixencia artificial xerativa, garantindo que todos os estudantes, independentemente do seu centro ou da súa contorna, teñan as mesmas oportunidades de aprendizaxe”. Neira insistiu en que o programa responde tamén a un principio de equidade territorial: “Non queremos que o acceso a este tipo de coñecemento dependa do lugar onde se estuda ou dos recursos do centro educativo”.

Sobre o impacto da iniciativa, a deputada sinalou que a valoración é “moi positiva”, xa que o alumnado “non só coñeceu ferramentas de IA, senón que desenvolveu unha mirada máis crítica sobre o seu uso, especialmente no que ten que ver coa privacidade, a verificación da información e a autoría dos contidos”.

De cara ao futuro, a Deputación considera clave dar continuidade ao programa. “A intelixencia artificial vai seguir evolucionando e o sistema educativo precisa acompañamento constante. O noso compromiso é seguir impulsando unha formación que axude ao alumnado a usar estas ferramentas con criterio, responsabilidade e pensamento crítico”, concluíu Neira.

Outros artigos

Boiro acomete obras de pavimentado nolugar de Cubeliños

O Concello de Boiro está a executar obras de pavimentado no lugar de Cubeliños, na parroquia de Cespón. O alcalde, José Ramón Romero, achegouse ata a zona para comprobar sobre o terreo o desenvolvemento dos traballos. A actuación forma parte dun proxecto máis amplo de...

+

A viaxe de Verne cobra vida no Museo do Gravado de Artes

O Museo do Gravado de Artes inaugura unha nova exposición dedicada a Jules Verne. Viaxe ao centro da terra, da man das ilustracións de Ignacio Hernández Suñer, coñecido como Íñigo. A mostra, que poderá visitarse ata principios de agosto, forma parte da...

+

Publicidade

PEL
PEL

Revista en papel

Opinión

“Fillos da máquina”. Luís Celeiro

“Fillos da máquina”. Luís Celeiro

Era tan grande que non se vía. Ocupaba a sombra toda e, ao mirala, era de noite seguido. Non se víanada. Pero, aquel amigo tiña consigo unha teima teimuda, pensaba na ciencia, miraba para astradicións e os costumes, sacaba o bico pola galería de madeira e, ao chegar a...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.