Portos de Galicia vén de iniciar o proceso de licitación do servizo de vixilancia e control de accesos nos sete portos comerciais autonómicos, cun orzamento base de 4,5 millóns de euros e unha duración prevista de catro anos.
A contratación, da que se informou no Consello da Xunta, enmárcase no cumprimento do Código internacional para a protección de buques e instalacións portuarias (PBIP), establecido tras os atentados do 11-S co obxectivo de reforzar a seguridade fronte a posibles ameazas ou actos ilícitos no ámbito marítimo.
O servizo inclúe a vixilancia integral e o control presencial dos accesos ás dársenas comerciais, así como o subministro, reposición e mantemento dos equipos e sistemas de seguridade necesarios, ademais da verificación de alarmas.
Os portos nos que se desenvolverá este contrato son Ribadeo, Burela, Celeiro, Cariño, Brens-Cee, A Pobra do Caramiñal e Ribeira, todos eles con actividade vinculada á carga e descarga de mercadorías e, polo tanto, suxeitos á normativa PBIP.
Con esta actuación, a Xunta busca garantir o cumprimento dos estándares internacionais de seguridade no transporte marítimo comercial, reforzando o control sobre persoas, embarcacións e mercadorías mediante persoal especializado e tecnoloxías avanzadas.




