Pérez Barral di que o BNG non entende a pretensión do Goberno local de “levar a residencia de maiores ao monte”

26 Maio 2026

O BNG de Ribeira reiterou no pleno deste luns 25 de maio, en Ribeira, o seu rexeitamento ao proxecto do Goberno local do Partido Popular e do PBBI de paralizar a futura residencia pública de maiores no lugar das Saíñas e achegar unha alternativa en Cruxeiras. Advertiu de “que a recente inmatriculación do parque de San Roque como terreo municipal constitúe un paso máis na pretensión do Goberno local de trasladar a infraestrutura a unha nova localización, provocando máis atrasos e un importante e innecesario gasto de fondos públicos”.

O exalcalde de Ribeira e portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, criticou con dureza o intento do Executivo local de mudar a localización da residencia ao monte de San Roque: “Trasladar a residencia a San Roque supón comezar practicamente de cero, gastar máis cartos públicos en novos proxectos e informes técnicos e provocar atrasos inxustificados nunha infraestrutura necesaria para as persoas maiores”, afirmou Pérez Barral.

O portavoz nacionalista lembrou que “a residencia das Saíñas, en Coroso, conta xa con todos os informes favorábeis” e que “non existe ningún impedimento legal” para construíla. Engadiu que “se houbese vontade política por parte da Xunta e do PP de Ribeira, a residencia podería estar en obras antes de rematar este ano 2026. O resto son escusas para xustificar unha decisión política”.

Pérez Barral acusou á alcaldesa de Ribeira de “mentir á veciñanza” sobre os supostos impedimentos legais para construír a residencia nas Saíñas e dixo que “no pleno a retou publicamente a dicir que lei prohibe construír nese lugar, sen que obtiveramos resposta”.

Segundo explicou o BNG, “o argumento utilizado pola Xunta de Galiza para paralizar o proxecto —un suposto cambio normativo estatal— foi desmentido oficialmente polo Goberno do Estado tras varias iniciativas presentadas polo Bloque no Congreso dos Deputados”.

Para o grupo, “as respostas oficiais do Executivo estatal confirman que non existiu nin existe ningunha modificación legal que impida construír a residencia na parcela de Coroso, e que tampouco se instou en ningún momento á Xunta a paralizar o proxecto por ese motivo”.

Esta información, engadiu o BNG, “coincide ademais co informe emitido polo arquitecto municipal, no que se ratifica que non existe ningunha norma urbanística nin sectorial que impida executar a residencia no emprazamento previsto”.

“Estamos diante dunha auténtica sabotaxe política orquestrada polo Partido Popular, empregando a Xunta de Galiza contra os veciños e veciñas de Ribeira para bloquear un proxecto estratéxico impulsado polo BNG no ano 2021”, denunciou Pérez Barral.

800.000 euros públicos xa investidos

O BNG lembrou que o proxecto da residencia pública foi impulsado por Luís Pérez Barral a través dunha iniciativa plenaria no ano 2021 e aprobada por unanimidade no pleno municipal.

E engadiu Pérez Barral: “Até o momento xa se investiron arredor de 800.000 euros de diñeiro público, distribuídos en: 100.000 euros para a compra da parcela das Saíñas, 300.000 euros para o derrubo da antiga discoteca e 400.000 euros na redacción do proxecto da futura residencia. Mudar agora a localización suporía tirar ao lixo os investimentos realizados. Por iso demandamos que o proxecto se execute nas Saíñas. Non podemos permitir que 800.000 euros de cartos públicos acaben perdidos por unha decisión política caprichosa do Partido Popular”.

As Saíñas como mellor localización para as persoas maiores

O BNG insiste en que “a localización das Saíñas conta con todos os informes favorábeis” o “que permitiría poder licitala este mesmo ano e presenta numerosas vantaxes para as persoas usuarias da futura residencia”. Ao seu xuízo, a parcela achegaría un acceso directo ao paseo marítimo de Coroso, “favorecendo o paseo e a actividade física nunha contorna amábel e accesíbel”. Ademais, sinalou o grupo, “conta cunha mellor conexión co transporte público, coa posibilidade de habilitar unha parada da liña Ribeira–A Pobra do Caramiñal e cun acceso cómodo á autovía do Barbanza”. Fronte a isto, “trasladar a infraestrutura ao monte de San Roque implicaría novos estudos, novos proxectos técnicos e atrasos considerábeis”, criticaron.

O BNG informou da “grave falta de servizos residenciais públicos na comarca da Barbanza, onde actualmente só existe unha residencia pública, situada na Pobra do Caramiñal e con apenas 48 prazas, ademais de dúas de xestión privada”.

“Nunha comarca de arredor de 67.000 habitantes e con máis de 15.000 persoas maiores de 65 anos, cremos que é inadmisíbel seguir atrasando unha infraestrutura tan necesaria”, sinalou Pérez Barral, ao tempo que criticou que “a Xunta eliminase dos Orzamentos de 2026 a partida destinada á residencia de Ribeira e preguntaron onde están os 17,9 millóns de euros anunciados entre 2022 e 2025”.

“Imos loitar onde faga falta para que Ribeira teña a residencia pública que as persoas maiores necesitan e non imos permitir máis atrasos nin máis escusas políticas. Ribeira terá residencia pública e o BNG vai estar defendendo ese obxectivo ata conseguilo” concluíu Pérez Barral.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...