O PSOE de Ribeira di que o Goberno local converteu o pleno deste luns “nunha sucesión de contradicións”

26 Maio 2026


O Grupo Municipal Socialista de Ribeira vén de compartir a súa valoración sobre o pleno da Corporación celebrado este luns 25 de maio. Nun comunicado denuncian que a sesión “volveu evidenciar a perda de control do Goberno local sobre a xestión municipal”.

Segundo o PSdeG, o Executivo “converteu a sesión nunha sucesión de correccións de expedientes mal tramitados, explicacións contraditorias e xustificacións sen consistencia”.

Os socialistas sinalou como exemplo a subsanación das obras do POS+2026, que ten, dixo, “expedientes que chegaron ao pleno sen incorporar correctamente as modificacións solicitadas e mantendo referencias a unha norma derrogada hai xa catro anos”. Para o voceiro socialista, Fran Suaŕez-Puerta, “non é aceptábel escudarse en que os técnicos teñen moitos proxectos atrasados. O que procede é presentar os proxectos ben, adaptados á legalidade e respectando os convenios dos traballadores”, indicou o portavoz socialista, criticando tamén “a falta de rigor da inmatriculación do parque de San Roque”, na que votaron a favor pero reiterando “a súa oposición a que se utilice o parque periurbano para construír alí a residencia de maiores”. Neste punto sinalaron que “queremos unha residencia para Ribeira, pero non nunha zona costa arriba, no medio do monte, afastada do centro e illando as persoas usuarias. Esa parcela non é a adecuada para facer unha residencia”, afirmou Suárez-Puerta.

O PSdeG tamén censurou “a actitude da alcaldesa durante o debate”, á que acusaron de “tentar xustificar a súa posición con referencias legais inexistentes e argumentos que”, segundo os socialistas, “non se corresponden coa realidade”.

“Cando se lle di que está mentindo á veciñanza, pretende expulsarnos do pleno por non asentir e calar”, denunciou o portavoz socialista.

No mesmo pleno, o PSdeG apoiou o recoñecemento a Quico Domínguez, proposto pola veciñanza, para que un espazo leve o seu nome diante da que foi a súa casa no Pombal.

Fronte a proposta do PP que presentou unha emenda sobre aparcadoiros disuasorios sen localización, sen calendario e sen proxecto, os socialistas defenderon “unha política turística seria e a necesidade de crear aparcamentos para residentes”. E engadiron: “Queremos turismo, pero con control e priorizando a quen vive aquí, para poder prepararnos mellor para recibir as persoas que nos visitan”.

Os socialistas dixeron tamén que “existe unha descoordinación entre PP e PBBI” e que “o carril bici de Palmeira volveu a deixar en evidencia as tensión internas do goberno”. Apuntaron que “o PBBI di que o proxecto se pode modificar e o PP que non; a alcaldesa comeza negando problemas de velocidade na estrada e acaba recoñecendo que hai vehículos que circulan a máis de 70 km/h; e o Goberno di á veciñanza que gañará espazo mentres pretende encaixar máis usos nos mesmos metros”.

“Din que falan coa veciñanza, pero o certo é que o proxecto xa estaba aprobado e adxudicado cando se reuniron cos veciños. Non pretendían modificar nada, só facer propaganda”, concluíu Suárez-Puerta.

Por último, o PSdeG apoiou a moción conxunta da oposición, impulsada coa Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica do Barbanza, para defender o monumento da memoria democrática. “Aquí houbo Guerra Civil, houbo persoas represaliadas e Ribeira non pode permitir que se ataque a súa memoria”, concluíron os socialistas.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...